15 nov 2013

NOVO CURSO, NOVO COORDINADOR, NOVO EQUIPO

Como coordinadora do EDL do curso pasado, quero presentarvos ao novo cordinador: Xosé Manuel Castro, o profe de Ciencias Sociais e Educación para a Cidadanía.
O equipo xa volo presentaremos nuns días... agardamos por máis alumnos e por algún outro profe.
Xa sabedes, animádevos a formar parte do equipo ou a participar na redacción dun novo número da revista Á sombra da muralla.

FUTUROS XORNALISTAS

Deixo o enlace do informativo humorístico presentado polos nosos alumnos de 2ª da ESO (hogano en 3º), acompañados polas súas titoras, no marco das visitas da Fundación TIC. Non é sen tempo, dirán algúns. 



27 jun 2013

FELICES VACACIÓNS!

    E antes do que pensabamos rematou o curso,  e chegou o momento das despedidas e dos agradecementos.
Moitas grazas a todos os que colaborastes, alumnos e profes.
Quero agradecerlle a súa colaboración  dun xeito especial a Xosé Lois, o profesor de Ciencias Sociais e titor do 4º-B, que nos deixa de momento: Xosé Lois, moitas grazas pola túa valiosa aportación ó EDL e oxalá poidas estar con nos o vindeiro curso.
Quedades convidados a formar parte do EDL no próximo curso e a participar activamente neste blog e na revista Á SOMBRA DA MURALLA.
Despídome ata setembro cun poema de Raúl Gómez Pato.

Contáronme nun serán de café con leite
o caso dun heroe
que marchou para Salt Lake City
          coa fame pisándolle os talóns. 
E non é de estrañar 
o asunto, 
por frecuente e tópico de tópicos, 
de non ser que pouco antes de morrer, 
entrou en coma non se sabe moi ben por que querencia, 
e deu en falar nunha xerga incomprensible. 
As enfermeiras, todas de pernas coma percebes de Malpica, 
azoradas, 
babecamente ignorantes, 
nunca se decataron de que, 
na inconsciencia da morte que se achega, 
aquel home só pedía
en galego do Ribeiro, 
unha eixada para ir rozar o océano
que illado mantíñao lonxe dos castiñeiros herdados. 





RESOLUCIÓN CONCURSO IMAXINA CANTARES!

Xa temos premiados... e non somos nós! Non importa, fixestes un bo traballo, rapazas.
Aquí tedes o enlace da resolución do concurso por se queredes fecicitar ós gañadores.
http://www.edu.xunta.es/web/node/9703

19 jun 2013

CERTAME TRÍPTICO LUGO ROMANO

O xurado cualificador dos traballos presentados ó certame TRÍPTICO LUGO ROMANO concedeu os seguintes premios:

  • Na categoría ESO: 
  • 1º premio: Silvia Blanco Yebra
  • Accésit: Alba María Pereira Pontide
  • Na categoría BAC: 
  • 1º premio: Souadou Brahim Salem e Maryi Viviana Males Cruz
  • Accésit: Sara López Temes e Alba Fernández Buján
No 1º andar do Instituto están expostos todos os traballos presentados ó concurso, así como seis carteis do Arde Lucus, que foron elaborados polos alumnos de TIC.

Noraboa ás premiadas e grazas a todos pola vosa participación! 



18 jun 2013

MOSTRA PROXECTO COMENIUS

No 1º andar do Instituto tedes unha interesante mostra de dous paneis que son, segundo os profesores responsables, o balance da experiencia que supuxo coordinar ,entre os anos 2011 e 2013,  un proxecto europeo, dentro do programa Comenius.
O COMENIUS é, segundo se pode ler nun dos paneis, "unha seccion do Programa de Aprendizaxe Permanente da Unión Europea. Este PAP pretende promover e estimular a comunicación e intercambio das persoas que traballan no ámbito educativo, xa sexan institucións, profesores ou, sobre todo, estudantes."  






Ademais, a asociación escolar constituída trouxo xa como consecuencia que dúas alumnas francófonas cursasen aquí, connosco, o primeiro trimestre do curso 2012-2013; para o curso vindeiro, alumnos do “Xoán Montes” pasarán así mesmo varios meses naquel centro. Como a nosa asociación a tres queda establecida oficialmente con carácter definitivo, o intercambio entre os tres centros poderase manter indefinidamente.

A MEDIACIÓN

Somos tres, Brenda Retazzi de 3º B, Natalia Seoane de 2º-B e Lucía Fernández de 3º-A.
Somos as alumnas mediadoras do IES XOÁN MONTES.  Levamos dous anos formándonos para poder mediar en conflitos. A nosa mediación é voluntaria, confidencial e está baseada no diálogo.

O proceso de mediación supón varias fases:

Na fase previa créanse as condicións que facilitan o acceso á mediación. Nela fálase coas partes por separado, explícase o proceso a seguir e solicítase o seu consentimento para acudir a premediación.

Os mediadores debemos, en todo momento, mostrar interés e neutralide con unha escoita activa. Para iso aclaramos, parafraseamos, relectimos e resumimos.

O da escoita activa debe ser explicado un pouco mellor, porque nela distínguense cinco técnicas:

·         Amosar interere: non estar dacordo nen en desacordo, empregando para elo palabras neutrais.
·         Clarificar: aclarar o dito e obter máis información.
·         Parafrasear: demostrar que estamos comprendendo o que pasa, repetindo as ideas e feitos básicos.
 ·         Reflectir: axudar a que a outra persoa sexa máis consciente do que sinte.
 ·         Resumir: xuntar feitos e ideas importantes repetindo as ideas principais. 

Despois disto hai que intentar aclarar o problema e propor solucións chegando a un acordo, avaliando as propostas, vantaxes e dificultades de ambas partes en conflito.

Os estilos de afrontamento do conflito son catro:
·         Competición: Eu gaño/ti perdes.
·         Cooperación: Ti gañas/eu gaño.
·         Evasión: Eu perdo/ti perdes.
·         Acomodación: Eu perdo/ti gañas.

O vindeiro curso temos pensado crear un blog, para que tanto profesores/as como alumnos/as poidan plantexarnos os seus problemas e nós poidamos axudalos.

                                                                              Natalia Seoane, 2º ESO-B

24 may 2013

DESPEDÍMONOS DOS ALUMNOS DE 2º

E como os de 2º de BAC están a piques de deixarnos, vai para eles este poema de Eduardo Pondal.
Grazas, rapaces, polo que aprendestes e nos aprendestes.
Moita sorte e moitos éxitos!


Dos celtas antigos                                          luitade animosos;
Gloriosos exemplos;                                       un peito de ferro:
Do duro romano                                            luitade, luitade, luitade
Non lixos, non servos:                                     luitade, gallegos.
Rompede as cadeas                                      luitando se vencen
Da patria, dos eidos;                                     da sorte os segredos;
Luitade, valentes;                                           quen luita, ese é forte;
Luitade, gallegos                                           quen cede, ese é servo:
Con rogo e con pranto,                                oponde aos destinos
Con brandos acentos,                                   un peito de ferro:
Non ben se consiguen                                   luitade, luitade, luitade
Os nobres empeños:                                      luitade, gallegos.
Esforzó e constancia
Vos peden os tempos:                                                                      Queixumes dos pinos



15 may 2013

VIDAL BOLAÑO

O xoves, no recreo,  lembramos no Instituto a Vidal Bolaño representando no patio, se o mal tempo non o impide, un pequeno diálogo do autor.
A actividade está organizada por un grupo de alumnas de 4º ESO-B e o seu titor, Xosé Lois.
Mentres non temos a gravación dese diálogo, déixovos o enlace da gravación dun monólogo do propio Bolaño, Sen ir máis lonxe, ese que representou co famoso nariz de pallaso. Nel interprétase a sí mesmo nunha visita ó  Apóstolo Santiago para lle pedir algunhas explicacións. Nel atopamos o clientelismo político, a submisión da prensa ao poder, o papel da Igrexa catolica, ... e moitos outros temas de total actualidade.


10 may 2013

ANIMADA PARTICIPACIÓN DO IES “XOAN MONTES” NO CORRELINGUA´13





Seguro que se poden decir moitas cousas sobre o desenvolvemento da edición deste ano do Correlingua na nosa cidade pero ningunha será tan relevante como o feito evidente -e ben manifesto- da nosa participación. A mocidade de 1º ESO do noso centro foi, xunto aos seus compañeiros de Sarria, os que máis animaron a celebración dos actos previstos no Correlingua en Lugo.



Participamos, si, e con moita enerxía. Fixemos a volta de rigor pola muralla, encabezados coa faixa máis reivindicativa deste ano: a do IES “As Mercedes”. Xunto cos resto dos centros de secundaria que participaron este ano, quixemos apoiar a loita dos nosos compañeiros de As Mercedes.



Logo de deixarnos ver e facer piña na andaina, voltamos a Praza de Santa María onde aínda nos agardaba o mellor do acto: as actuacións. De inicio o Gobernador deixounos ver como se “testea” un “pariaguas” cun trebello propio que desafía calqueira proxecto mundial de I+D. O Gobernador tamén nos falou da fala dos afiadores, o barallete, e aproveitou para lembrar que o galego aínda é máis útil que a propia lingua dos afiadores, vaiche boa! Logo subiu ao escenario a histriónica Balbina e hai rachouse todo: bailes, risos e moita, moita diversión. Os nosos compañeiros Samuel e Carla mesmo se atreveron a “estomballar” un chisco, seguindo a febril enerxía da Balbina. Tan ben que o pasamos que ficamos alí ata o final do acto, saudando aos artistas e apurando ao máximo a saída. Agardamos que o ano que vén poidamos repetir!



7 may 2013

LEMBRANDO CANTARES GALLEGOS

No noso instituto quixemos celebrar dun xeito especial o 150 aniversario de Cantares gallegos. As alumnas de 1º BAC, Souadou Brahim, Alba Fernández, Andrea López e Maryi Males recitan un dos seus poemas.
Aquí vos deixo o vídeo  para que o disfrutedes.

1 may 2013

DÍA DA NAI DO GALEGO

Os alumnos de LATÍN I están preparando unha celebración moi especial: o Día da Nai do Galego. Ademais dunha sorpresa na que están a pór moito empeño, fixeron a presentación sobre as semellanzas e diferenzas co castelán e portugués, que tedes na seguinte entrada,  e tamén esta carta do galego a súa nai.

CARTA DO GALEGO A SÚA NAI

Hoxe, día da nai, quero lembrarme da miña, o latín. Lembrarme daquel nacemento no reino Suevo da Gallaecia e daquela infancia co meu irmán xemelgo, o Portugués. Eramos iguais! Só o feito de vivir en reinos separados, aló polo século XII, nos foi distanciando en aparencia.
O meu irmán tivo máis sorte ca min, porque el sempre foi un protexido e eu non tiven rei nen corte que me protexera, porque cando no s. XIII, era lingua de brillante literatura, Galicia ía someterse ao reino de Castela, e o meu prestixio desapareceu, porque fun a lingua dos aldeáns fronte ó castelán, que o era da nobleza.
 No s. XIX, no Rexurdimento, aqueles autores que tanto loitaron por min empregaron a ortografía do Castelán, que era o único que coñecían, e esa nova vestimenta apartoume máis do meu irmán xemelgo. Tanto tempo vivín co Castelán que me acabei parecendo a él.
Pero, despídome por hoxe de ti contento, porque cada vez hai máis xente que se fixa nas moitas semellanzas que teño co Portugués. E iso convérteme nunha lingua internacional falada por máis de 200 millóns de persoas.
Tanto falas, tanto vales.
EU VALO MOITO!

O GALEGO, O PORTUGUÉS E O CASTELÁN

28 abr 2013

ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Como seguramente estaredes facendo algún traballo sobre o autor ó que se lle adica  hogano o Día das Letras Galegas, déixovos algunha páxina interesante para que busquedes a información:
A páxina http://robertovidalbolano.org/es/ foi creada para pór en valor a obra do autor. Xa vos falei dela noutra entrada.
Na Biblioteca virtual galega tedes o texto dalgunha das súas obras, así como un fragmento da representación de A burla do galo.
Na páxina da Real Academia Galega  tes información xeral sobre a vida e obra do autor, ademais de entrevistas a diferentes persoeiros sobre Vidal Bolaño. Aquí, por exemplo, a de Xulio Lago.
 Na mesma páxina tes o enlace a outras noticias relacionadas co autor,  como a publicación das Obras completas de Vidal Bolaño.
Coido que isto vos chega para ir empezando...

17 abr 2013

ARTIGOS NOVOS

Nas revistas Falamos latín en galego e Celebracións no mundo tedes novos artigos.
Publicamos unha nova revista, Relatos curtos. Anímate e escribe.

ETIMOLOXÍAS CURIOSAS


A nosa lingua, que provén do latín, é moi rica e, ás veces, sorprendente. Todas as súas palabras cambiaron, aínda que unhas máis ca outras, porque detrás dalgunhas hai unha orixe ou un significado inesperado. Por exemplo, a que non sabiades que traballar viña de tripalium, que era un instrumento de tortura?
 Imos contar a curiosa historia dalgunhas destas.

Sabedes como se lle chama ó signo &? Chámaselle ampersán. Probablemente o seu nome teña a siguinte explicación: houbo un tempo en que no alfabeto inglés aparecía en último lugar e decíase and per se and (e o que per se xa significa and), porque ese era o significado que tiña no latín. Parece ser un dos inventados por Tirón, un liberto de Cicerón, para indicar taquigráficamente a conxunción et (e)  e logo foi moi usado en textos latinos.

Como ampersán, tocaio vén da unión de dúas palabras, probablemente dunha expresión empregada nun momento do ritual das vodas romanas, cando o noivo despois de ser convertido en esposo, lle pregunta o seu nome á noiva e ela responde: “Ubi tu Caius, ego Caia” (onde ti Caio, eu Caia). De aí o significado da palabra de persoa que ten o mesmo nome ca outra. Por certo, a frase latina quere dicir que a muller queda sometida ó home. Moi propio da sociedade machista romana…

Pepe, o avó de Silvia, quedouse sorprendido cando lle contamos a orixe do seu nome. “¿Vén de Pater Putativus?, a última palabra non soa moi ben…”. Así lle chamaban a un famoso pai, que non era tal, só tiña o título, por así dicir: Xosé, o pai putativo de Xesús. Pois das iniciais coas que se lle identificaba nas imaxes medievais, vén PePe para referirse ós “Xosés”.

É fácil deducir que un bienio é un período de dous anos ou un trienio, de tres; pero deducir que un LUSTRO é un periodo de cinco é imposible, se non se sabe que vén da palabra lustrum, que era unha ceremonia de purificación que cada cinco anos se facía en Roma no Campo de Marte para purificar á poboación, reunida alí para face-lo censo.

Que fermosa é a palabra bolboreta! . No latín empregaban unha palabra máis fea, papilio. Menos mal que se perdeu para nomear o animal! E quedou para designar algo que se lle parece: unha gran tenda, na que a tea se move como as ás da bolboreta, daí vén PAVILLÓN.

  Que diñeiro vén do nome dunha moeda romana, o denario, non nos sorprende pero a o orixe de soldo, relacionada con soldado non por casualidade, sí. Veredes, no século IV d.C. os soldados romanos tiñan tal peso que chegaban a poñer e deponer emperadores. Por iso se permitían o luxo de esixir o seu salario nunha moeda de ouro, o solidus, porque o denario de prata, do que falamos antes, estaba moi devaluado. Os que cobraban en solidi eran os solidati (>soldados).


Dúas palabras relacionadas e case por casualidade son Coliseo e colosal. O Coliseo é, como todos sabedes, o anfiteatro Flavio,  a foto típica de calquera folleto turístico de Roma. E colosal vén do Coloso de Rodas, aquela estatua que era tan grande que fixo que colosal acabara significando o mesmo, moi grande. E, que ten que ver co anfiteatro Flavio? Poidera ser que tamén o anfiteatro era moi grande pero non, a única razón é que preto había unha estatua colosal de Nerón.

E por hoxe, chegamos á META, que como todos sabedes é o  límite ou obxectivo que se desexa acadar. A palabra vén, como non, do latín, de metam (meta, metae), que era na antiga Roma  cada unha das dúas construcións en forma de cono, situadas en cada extremo da espina central da arena. Nunha delas acababa rematando a carreira de carros que tanto agradaba ós romanos (panem et circenses, que dicían eles). A forma cónica fai que a mesma palabra na lingua patrimonial dé meda, que é unha construcción cónica que se fai na eira cos monllos de cereal para despois mallalos. Bueno, esta é a definición que trae o Xerais, pero nós cambiaríamos fai por facía, porque facer, o que se di facer, só se fai nas festas da malla.

Alumnas de Latín de 4º ESO-B


16 abr 2013

OS PERIGOS DA INTERNET

Brenda, alumna de 3º B, quere advertirnos no seguinte artigo dos perigos que supón unha ferramenta tan útil como INTERNET. Se pinchas sobre a palabra poderás obter máis información na rede.

 A Internet, aparte de ter aspectos positivos como atopar rápidamente información, tamén ten perigos. Hoxe vou falar dos 6 principais:
MALWARE: O obxectivo deste tipo de aplicacións é danar a computadora. Na maioría dos casos, a infección ocorre por “errores” cometidos polos usuarios, ao ser engañados polo atacante. Existen moitas ferramentas: antivirus, gusanos, troyanos, etc.
SPAM: É o fenómeno “correo basura”. Son aquelas mensaxes que non foron solicitadas polos usuarios e que chegan á bandexa de entrada. Normalmente este tipo de correos conteñen propagandas –moitas veces engañosas- que incitan ao usuario a ingresar as páxinas, con ofertas milagrosas, cuxo contido é potencialmente dañino para o usuario.
SCAM: Son enganos ou estafas que se levan a cabo a través da Internet. Realízanse de diversas formas, por exemplo, a través de correos non solicitados, que xa mencionei. Outras veces tentan convencer ao usuario da prestación dun servizo, cando en realidade só queren acceder a información confidencial, por exemplo a contraseña e clave das redes sociais.
CIBERACOSO: É unha conducta hostil por Internet ou teléfono móbil, por exemplo hacia os nenos. A vítima é sometida a ameazas e humillacións na web, para atormentalas e desfacelas emocionalmente. O termo ingles é cyberbullying. Pode ser realizado por adultos ou, moi frecuentemente, por adolescentes.
GROAMING: Trátase da persuasión dun adulto a un neno coa finalidade de obter unha conexión emocional e xerar un ambiente de confianza para que o neno realice actividades sexuais. Moitas veces os adultos fanse pasar por nenos da idade da vítima e entablan unha relación para poder chegar a un encontro persoal.
ROUBO DE INFORMACIÓN: Toda a información que viaxa pola web e redes dociais sen as medidas de precaución necesarias, corre o risco de ser interceptada por un terceiro. A información atopada apunta normalmente a datos persoais. Iso pode supor para un menor de idade perda de diñeiro familiar ou roubo de identidade.
Así que, INTERNET sí, pero prestade moita atención aos posibles perigos!

                                                               Brenda Retazzi Ascariz                 3ºB

12 abr 2013

XIII CONCURSO DE RELATO ORAL TÍRALLE DA LINGUA

No taboleiro do EDL tedes o cartel coas bases do concurso TÍRALLE DA LINGUA, que se celebrará na fase final o 25 de abril en Santiago.
A inscrición no concurso por parte dos centros remata o 16 de abril.
Na fase final concederáse un primeiro premio por nivel, cun valor de 250 euros e un segundo, de 150 euros. Os centros de ensino dos participantes gañadores recibirán un premio do mesmo importe.

Este é o cartel, por se non pasades polo taboleiro...



E tamén, se pinchades aquí, poderedes coñecer ós gañadores da edición anterior.

5 abr 2013

NOVOS CONCURSOS

Déixovos, sobre todo para os alumnos que estades traballando nun proxecto para participar, o enlace da convocatoria do concurso Imaxina Cantares!. Non esquezades que remata o prazo para entregar os traballos o 22 de abril.
Aproveito para dicirvos a todos os que sodes socios da Biblioteca Pública de Lugo e tedes menos de 16 anos, que podedes participar no certame de narrración en galego e debuxo infantil. Deberedes entregar os traballos, cantos queirades, antes do 9 de maio na Biblioteca. O tema, tanto da narración coma dos debuxos, é A TODA MÁQUINA.

22 mar 2013

VIAXE A MÉRIDA

Por fin vacacións! Pensades en facer unha viaxe? Que vos parece Mérida, a Roma de Hispania, co circo, teatro, anfiteatro, acueducto, pontes, tantos restos de templos e outras construcións... Silvia, de 4ª B, xa foi e cóntanos a súa experiencia, que resultou ser fantástica, tanto como o seu relato. Aquí volo deixo para que o disfrutedes.

22 feb 2013

O DOMINGO AGASALLA UN LIBRO EN GALEGO E UNHA FLOR

O domingo, 24 de febreiro, data de nacemento de Rosalía de Castro, é o Día de Rosalía.
Hogano ten unha importancia especial, porque se cumpren 150 anos da publicación de Cantares Gallegos (1863). Este libro supuxo o renacer da literatura galega. Foi precisamente ó celebrarse o prmeiro centenario da súa publicación cando a Real Academia Galega instituiu o Día das Letras Galegas, que dende entón se celebra tódolos anos o 17 de maio.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) puxo en marcha o ano pasado a seguinte iniciativa: agasallar nese día un libro en galego e unha flor.
 Esa flor ben pode ser unha desas rosas que aparecen na súa poesía.
Aquí a temos nunhas estrofas de Follas Novas:
Mais ve que o meu corazón
é unha rosa de cen follas
i é cada folla unha pena
que vive apegada noutra.

Quitas unha, quitas dúas,
penas me quedan de abonda;
hoxe dez, mañán coarenta,
desfolla que te desfolla...

¡O corazón me arrincaras
desque as arrincaras todas!

21 feb 2013

CERTAMES EN LINGUA GALEGA NO INSTITUTO

 Hoxe traemos a convocatoria de tres certames.
Os dous primeiros, de longa tradición no centro, son de  narrativa e poesía para as Letras Galegas.
O último é novo: trátase de facer un tríptico turístico da cidade de Lugo, amosando con textos e imaxes orixinais Lucus Augusti. A finalidade desa actividade non é só que o alumno use e valore a nosa lingua, senón tamén que coñeza, valore e respecte o noso patrimonio cultural e artístico.

CERTAME DE POESÍA-LETRAS GALEGAS

O Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Equipo de Dinamización Lingüística do I.E.S. Xoán Montes convocan un CERTAME DE POESÍA, rexido polas seguintes BASES:
Primeira.-Poderán participar todos os alumnos e alumnas deste centro.
Segunda.- Os textos deberán ser orixinais e inéditos, e estar escritos en lingua galega.
Terceira. –Cada participante  poderá presentar, como máximo, dous poemas.
Cuarta. – Os textos entregaránse, por separado, antes do día 3 de maio, venres, ata as 14:30, na Secretaría do Instituto. Cada un irá dentro dun sobre grande, en cuxo exterior figurará, ben visible, un lema ou pseudónimo, que  en ningún caso coincidirá co nome ou apelidos do autor. No interior deste sobre grande, a máis do poema que se presenta a concurso, irá tamén un sobre pequeno, en cuxa parte exterior consignarase así mesmo o lema ou pseudónimo antes aludido; no interior deste sobre pequeño irá unha folla cos datos do autor: nome, apelidos, curso e grupo.
Quinta. – Establécense tres categorías: Primeiro Ciclo da ESO, Segundo Ciclo da ESO e Bacharelato. En cada categoría poderán adxudicarse tres premios. Estes consistirán en vales por un importe económico utilizable para adquirir libros, material escolar e funxible ou instrumentos de debuxo e pintura.
Sexta.- O fallo do xurado será inapelable. A presentación ao certame presupón a aceptación plena das presentes bases.


 CERTAME DE NARRATIVA-LETRAS GALEGAS                               
O Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Equipo de Dinamización Lingüística do I.E.S. Xoán Montes convocan un CERTAME DE NARRATIVA, rexido polas seguintes BASES:
Primeira.-Poderán participar todos os alumnos e alumnas deste centro.
Segunda.- Os relatos terán que ser orixinais, inéditos e en lingua galega. O tema é libre. A extensión deberá ser de entre dúas e cinco páxinas, formato A4, mecanografadas, con letra Times New Roman en corpo 12 e cun interliñado de 1, 5.
Terceira.–Cada participante  poderá presentar como máximo dous relatos.
Cuarta. – Os textos entregaránse, por separado, antes do día 3 de maio, venres, ata as 14:30, na Secretaría do Instituto. Cada un irá dentro dun sobre grande, en cuxo exterior figurará, ben visible, un lema ou pseudónimo, que en ningún caso coincidirá co nome ou apelidos do autor. No interior deste sobre grande, ademais do relato que se presenta a concurso irá tamén un sobre pequeno, en cuxa parte exterior consignarase así mesmo o lema ou pseudónimo antes aludido; no interior deste sobre pequeño irá unha folla cos datos do autor: nome, apelidos, curso e grupo.
Quinta. – Establécense tres categorías: Primeiro Ciclo da ESO, Segundo Ciclo da ESO e Bacharelato. En cada categoría poderán adxudicarse tres premios. Estes consistirán en vales por un importe económico utilizable para adquirir libros, material escolar e funxible ou instrumentos de debuxo e pintura.
Sétima.-O fallo do xurado seá inapelable. A presentación ao certame presupón a aceptación plena das presentes bases.

                                       
 CERTAME TRÍPTICO TURÍSTICO DO LUGO ROMANO

Os departamentos de Grego e Latín e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Xoán Montes convocan un certame para a elaboración dun tríptico turístico do Lugo romano, rexido polas seguintes bases:
Primeira.-Poderán participar todos os alumnos e alumnas do centro.
Segunda.- Os participantes deberán elaborar, individualmente ou en grupo de dúas personas, un tríptico turístico do Lugo romano, mencionando restos arqueolóxicos, museos e posibles rutas, e estará ilustrado con fotografías orixinais.
Terceira.- Os textos deberán ser orixinais e estar escritos en lingua galega.
Cuarta.- Os traballos deberán entregarse antes do 30 de abril na Secretaría do Instituto. Deberán ir dentro dun sobre grande, en cuxo exterior figurará, ben visible, un lema ou pseudónimo, que en ningún caso coincidirá co nome ou apelidos do autor. No interior deste sobre grande, ademais do tríptico que se presenta a concurso irá tamén un sobre pequeno, en cuxa parte exterior consignarase así mesmo o lema ou pseudónimo antes aludido; no interior deste sobre pequeño irá unha folla cos datos do autor: nome, apelidos, curso e grupo.
Quinta.- Establécense dúas categorías: ESO e Bacharelato. En cada categoría adxudiranse un premio e un accésit.  Estes consistirán en vales  para adquirir material escolar nunha librería da cidade.
Sexta.- Se a calidade dos traballos non é a axeitada, o xurado pode declarar o premio deserto.
Sétima.-O fallo do xurado será inapelable. A presentación ao certame presupón a aceptación plena das presentes bases.
En Lugo, 21 de febreiro do 2013



17 feb 2013

COÑECE OUTRAS CULTURAS: AS FESTAS EN COLOMBIA


Coñece outras culturas

As festividades que máis se celebran no meu país, Colombia, son aquelas que teñen maior transcendencia nas nosas vidas, como por exemplo, os aniversarios. Unha das datas máis importantes é cando a muller e o home cumpren os seus 15 anos, pero no caso da muller (as súas 15 primaveiras, o paso de nena a muller). Ela leva un vestido “pomposo”, xeralmente de cor rosa. Celébrase en familia e cos amigos máis próximos. Normalmente lévase unha serenata xa sexa con mariachis ou organeta. Invítase a 15 rapaces, un por un van entregándolle unha rosa e a súa vez, bailando o valse con ela. Por último, ela baila co seu pai e fánselle honra cunhas palabras por parte da nai. É típico que nesta reunión se ofreza como prato principal unha comida tradicional do lugar no que se celebre ou unha comida como a “lechona”. A festa conclúe coa entrega de agasallos dos seus amigos. 
Tamén hai unha festa relixiosa moi importante en Colombia, é a celebración do “Día de las velitas”. Esta é celebrada na noite do 7 de Decembro e remata na madrugada do 8 de Decembro, como vixilia da festa da Inmaculada Concepción da Virxe María. É moi abraiante xa que ese día  consiste en acender farois e candeas que alumean as rúas, centros comerciais e fogares de pobos e cidades. Esta celebración marca o principio das festas do Nadal no país.
Por outra parte, nalgúns lugares fanse procesións da mesma, o que da lugar a reunións familiares e de amigos. Apréciase moito esta data xa que neste espectáculo nocturno saen a percorrer as rúas grandes figuras que representan os diferentes mitos e lendas colombianas, como: “El mohán”, “La llorona”, “El padre sin cabeza”, “La madremonte”, “El hojarasquín de monte”, “El ánima sola”, entre outros grandes personaxes. Móvense a ritmo da música cobrando vida por algunhas horas, pero isto se fai nas cidades principais. Nas cidades máis pequenas as familias reúnense para acender as candeas fóra das súas casas acompañadas de veciños ou amigos, a moitos nenos gústanlle esta data xa que a súa vez poden apreciar fogos pirotécnicos e formar certas figuras con a cera que produce a candea. É moi importante porque é a única celebrada en toda Latinoamérica.

UN ARTIGO DE YEIMI V. BURGOS MANCILLA

Chámome Laura, tamén son de Colombia e vou falarvos das festas do meu país.
As principais festas son os cumpreanos, o día de Defuntos, o día da Nai, a batalla de Boyacá, a feira das Flores, a Semana Santa e o Nadal.
O cumprenanos é unha festa que soe realizarse en casas ou fincas, onde se comparten piñatas, globos, tartas e sorpresiñas. A comida principal é a carne enrolada e o arroz con polo.
O día da Nai é unha celebración onde a familia se reúne e lle da un detalle a súa nai. Celébrase o 16 de maio.
O día de Defuntos é unha celebración onde a familia se reúne  para levar flores, rézanse oracións e visítanse as tumbas. Celébrase o primeiro de Novembro.
Unha das celebracións máis importantes de Colombia é  “La batalla de Boyacá”, que commemora un feito histórico.
O sábado, 7 de agosto de 1819, os exércitos español e criollo enfrontáronse no campo de Boyacá. Cada un tiña como misión tomar Santa Fe de Bobotrá e o exército liberador desexaba impedir a toda costa esa maniobra. O exército Liberador, formado por 2850 cambatentes, entre criollos, mulatos, mestizos, zambos, indíxenas e negros, estaba comandado polo xeneral Simón Bolívar, a vanguardia, por Francisco de Paulo Santander e a retaguardia, polo xeneral José Antonio Anzoátegui. E por este motivo celebramos a liberación do noso pobo.
Unha das festas que máis me gusta é a Feria de las Flores, que se celebra en Medellín. É unha festa comunitaria que dura 10 días. A feira é a celebración emblémática desta cidade e todo está envolto nos olores da sempreviva, o clavel, o xirasol e a orquídea. As actividades que dan vida á feira son tablados musicais, desfiles de arrieros, mulas, desfiles silleteros e cabalgata. A primeira celebración fíxose no ano 1957.
A Semana Santa empeza exactamente 40 días antes, é o chamado tempo de Cuaresma; logo temos a Semana Mayor. Empezamos o domingo de Ramos; o venres, morte de Xesús, non se pode comer carne; o sábado bendícese a auga e o lume e, por último, o domingo é o día da resurrección victoriosas do noso señor Xesucristo.
O  Nadal é a festa máis importante para os colombianos. Empezamos o 8 de decembro co alumeado da Santísima Virxe, que consiste en alumear as rúas con candeas, figuras da virxe e máis elementos decorativos. Os nenos soen saír á rúa a tirar globos con auga e tamén se tiran fariña.
Nestas datas decoramos as casas con árbores de nadal, pechamos algunha rúa para decoralas con todo tipo de detalles e, por suposto, os pesebres (o Belén) son unha parte importante do Nadal, pois alí reunimos familiares e vecinos para facer a novena ó neno Xesúa, onde empregamos pandeiretas e maracas para cantar villancicos e darle a benvida ó neno. Ó rematar as novenas damos aos nenos un caramelo e o último día de novena repártense entre os nenos uns regaliños. O día 24 de decembro é o día no que chega o neno Xesúa, reparte os regalos e ponos debaixo da árbore. O 25 facemos unha cea familiar, logo o 30 fanse bonecos coa cara dalgún famoso, e enchémolos de pólvora. O último día do ano facemos o desfile de ano vello (o boneco) e queimámolo, despedindo así o ano vello e dándolle a benvida ó novo.
                                                                                                Laura Torres Gil