27 jun 2013

FELICES VACACIÓNS!

    E antes do que pensabamos rematou o curso,  e chegou o momento das despedidas e dos agradecementos.
Moitas grazas a todos os que colaborastes, alumnos e profes.
Quero agradecerlle a súa colaboración  dun xeito especial a Xosé Lois, o profesor de Ciencias Sociais e titor do 4º-B, que nos deixa de momento: Xosé Lois, moitas grazas pola túa valiosa aportación ó EDL e oxalá poidas estar con nos o vindeiro curso.
Quedades convidados a formar parte do EDL no próximo curso e a participar activamente neste blog e na revista Á SOMBRA DA MURALLA.
Despídome ata setembro cun poema de Raúl Gómez Pato.

Contáronme nun serán de café con leite
o caso dun heroe
que marchou para Salt Lake City
          coa fame pisándolle os talóns. 
E non é de estrañar 
o asunto, 
por frecuente e tópico de tópicos, 
de non ser que pouco antes de morrer, 
entrou en coma non se sabe moi ben por que querencia, 
e deu en falar nunha xerga incomprensible. 
As enfermeiras, todas de pernas coma percebes de Malpica, 
azoradas, 
babecamente ignorantes, 
nunca se decataron de que, 
na inconsciencia da morte que se achega, 
aquel home só pedía
en galego do Ribeiro, 
unha eixada para ir rozar o océano
que illado mantíñao lonxe dos castiñeiros herdados. 





RESOLUCIÓN CONCURSO IMAXINA CANTARES!

Xa temos premiados... e non somos nós! Non importa, fixestes un bo traballo, rapazas.
Aquí tedes o enlace da resolución do concurso por se queredes fecicitar ós gañadores.
http://www.edu.xunta.es/web/node/9703

19 jun 2013

CERTAME TRÍPTICO LUGO ROMANO

O xurado cualificador dos traballos presentados ó certame TRÍPTICO LUGO ROMANO concedeu os seguintes premios:

  • Na categoría ESO: 
  • 1º premio: Silvia Blanco Yebra
  • Accésit: Alba María Pereira Pontide
  • Na categoría BAC: 
  • 1º premio: Souadou Brahim Salem e Maryi Viviana Males Cruz
  • Accésit: Sara López Temes e Alba Fernández Buján
No 1º andar do Instituto están expostos todos os traballos presentados ó concurso, así como seis carteis do Arde Lucus, que foron elaborados polos alumnos de TIC.

Noraboa ás premiadas e grazas a todos pola vosa participación! 



18 jun 2013

MOSTRA PROXECTO COMENIUS

No 1º andar do Instituto tedes unha interesante mostra de dous paneis que son, segundo os profesores responsables, o balance da experiencia que supuxo coordinar ,entre os anos 2011 e 2013,  un proxecto europeo, dentro do programa Comenius.
O COMENIUS é, segundo se pode ler nun dos paneis, "unha seccion do Programa de Aprendizaxe Permanente da Unión Europea. Este PAP pretende promover e estimular a comunicación e intercambio das persoas que traballan no ámbito educativo, xa sexan institucións, profesores ou, sobre todo, estudantes."  






Ademais, a asociación escolar constituída trouxo xa como consecuencia que dúas alumnas francófonas cursasen aquí, connosco, o primeiro trimestre do curso 2012-2013; para o curso vindeiro, alumnos do “Xoán Montes” pasarán así mesmo varios meses naquel centro. Como a nosa asociación a tres queda establecida oficialmente con carácter definitivo, o intercambio entre os tres centros poderase manter indefinidamente.

A MEDIACIÓN

Somos tres, Brenda Retazzi de 3º B, Natalia Seoane de 2º-B e Lucía Fernández de 3º-A.
Somos as alumnas mediadoras do IES XOÁN MONTES.  Levamos dous anos formándonos para poder mediar en conflitos. A nosa mediación é voluntaria, confidencial e está baseada no diálogo.

O proceso de mediación supón varias fases:

Na fase previa créanse as condicións que facilitan o acceso á mediación. Nela fálase coas partes por separado, explícase o proceso a seguir e solicítase o seu consentimento para acudir a premediación.

Os mediadores debemos, en todo momento, mostrar interés e neutralide con unha escoita activa. Para iso aclaramos, parafraseamos, relectimos e resumimos.

O da escoita activa debe ser explicado un pouco mellor, porque nela distínguense cinco técnicas:

·         Amosar interere: non estar dacordo nen en desacordo, empregando para elo palabras neutrais.
·         Clarificar: aclarar o dito e obter máis información.
·         Parafrasear: demostrar que estamos comprendendo o que pasa, repetindo as ideas e feitos básicos.
 ·         Reflectir: axudar a que a outra persoa sexa máis consciente do que sinte.
 ·         Resumir: xuntar feitos e ideas importantes repetindo as ideas principais. 

Despois disto hai que intentar aclarar o problema e propor solucións chegando a un acordo, avaliando as propostas, vantaxes e dificultades de ambas partes en conflito.

Os estilos de afrontamento do conflito son catro:
·         Competición: Eu gaño/ti perdes.
·         Cooperación: Ti gañas/eu gaño.
·         Evasión: Eu perdo/ti perdes.
·         Acomodación: Eu perdo/ti gañas.

O vindeiro curso temos pensado crear un blog, para que tanto profesores/as como alumnos/as poidan plantexarnos os seus problemas e nós poidamos axudalos.

                                                                              Natalia Seoane, 2º ESO-B