28 may 2020

DICIONARIO E PANDEMIA


O Dicionario incorpora 'desconfinamento', 'covid-19', 'coronavirus' e outras palabras da pandemia



O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega acordou na súa última xuntanza, celebrada telematicamente, incorporar ao Dicionario covid-19, coronavirus, teletraballo, desconfinamento e desescalada xunto a outras palabras de uso crecente en plena pandemia, visibles desde esta mesma mañá, na edición en liña desta ferramenta esencial da lingua galega. Dende o comezo do confinamento o pasado 15 de marzo, o Dicionario da RAG acadou o maior volume de consultas da súa historia. O mes de marzo rematou cunha media de 113.000 procuras diarias que en abril chegaron ás 133.000 (preto de 4.000.000 en total), un 82% por riba das rexistradas no mesmo período do ano anterior. A crise sanitaria tamén deixou pegada entre os termos máis buscados. Xunto aos que adoitan repetirse todos os meses nesta listaxe, como só, máis, fóra ou botar, nas últimas semanas as procuras das palabras corentena, confinamento, máscara e pandemia foron as que máis medraron.



Fonte R.A.G.

Enlace: academia.gal

17 may 2020

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!!!


17 DE MAIO, SEMPRE !!!
As línguas expresan aos pobos!!
Vivamos en galego!!

D. RICARDO 
FONTE, ACADEMIA.GAL


Temos colgado neste blog numerosas noticias, actividades, iniciativas en torno a Carvalho Calero, persoa homenaxeada este ano no DÍA DAS LETRAS GALEGAS....

Hoxe, ademáis,  queremos, dende aquí, enviarlle os nosos PARABÉNS, a Margarita Carballo, filla de D. Ricardo e profesora que foi durante anos neste noso Centro, IES XOÁN MONTES.
E, asemade, celebramos nestes días tamén, o 180 aniversario do Músico Xoán Montes, persoeiro inesquecible na música galega,  e que dá nome ao noso Instituto.

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!!!!


CARVALHO CALERO NA PRENSA


fontes e enlaces:
lavozdegalicia.es
elcorreogallego.es
elprogreso.es







XOÁN MONTES, música das Letras











16 may 2020

PARA XENTE MIÚDA, TAMÉN CARVALHO CALERO


FONTE E  ENLACE
PORTAL DA LINGUA GALEGA
SECRETARÍA XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA
https://www.lingua.gal/c/document_library/get_file?folderId=1647069&name=DLFE-20772.pdf
lingua.gal

14 may 2020

A Academia celebra o Día das Letras Galegas na Rede con propostas para todas as idades


A Academia celebra o Día das Letras Galegas na Rede con propostas para todas as idades

A pandemia da COVID-19 obrigou a adiar o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, que terá lugar en Ferrol o 31 de outubro cadrando co 110 aniversario do seu protagonista, pero a celebración arredor do 17 de maio proxéctase con forza ao espazo virtual. A Real Academia Galega está a ofrecer contidos diversos a través da Rede pensados para achegar de xeito ameno a figura e a obra do homenaxeado ao público de todas as idades. Os pequenos e pequenas da casa dispoñen de propostas lúdicas e didácticas na web primaveradasletras.gal, un espazo para a comunidade de infantil e primaria que dende comezos do mes de maio bate récords, duplicando o número de páxinas vistas e cun incremento por riba do 185% no número de usuarios. A RAG está, ademais, a debuxar cada día un retrato colectivo do autor a través da serie de microespazos audiovisuais Unha palabra para don Ricardo, un produto feito dende o confinamento que se suma a outros como a serie de entrevistas dixitais que a institución está a publicar na sección que lle dedica a Carvalho Calero nesta páxina web. Nesta mesma fiestra dixital, o académico Henrique Monteagudo asina a biografía do homenaxeado que percorre os principais momentos e títulos da súa traxectoria.


FONTE: R.A.G.
ENLACE: academia.gal

CARICATURAS DE CARVALHO CALERO POR SIRO


Serie de caricaturas de Carvalho Calero elaboradas por Siro



A colección conta con 24 deseños de estilos diferentes -desde a caricatura con esaxeracións mínimas para salientar a expresión do retratado ata a de esaxeracións máximas, nun xogo artístico e humorístico cos riscos faciais- que percorren a evolución de don Ricardo desde a mocidade ata a madureza.



O debuxante comezou o seu traballo en decembro de 2019 e, segundo as súas propias palabras, quixo "humanizar o personaxe, de xeito que non sexa só un nome, senón un home, para os mozos que van acceder a el na celebración do Día das Letras Galegas. Un home que me distinguiu coa súa amizade, que tantas veces riu comigo e algunhas se emocionou recordando o noso Ferrol. Por iso este traballo está feito desde o afecto, a gratitude e a amizade".

O artista ten realizado outras series de caricaturas e retratos dedicados a Picasso, Valle Inclán ou Ramón Piñeiro. "Son", di Siro, "traballos de investigación que fago de cando en cando sobre as posibilidades do retrato e da caricatura para apreixar a personalidade do modelo cando este me interesa especialmente. No caso de Carvalho traballei só no eido da caricatura por ser máis atractiva para os rapaces".

Documentos relacionados

Caricatura nº1. Formato JPG. 493 KB

Caricatura nº2. Formato JPG. 387 KB

Caricatura nº3. Formato JPG. 485 KB

Caricatura nº4. Formato JPG. 1 MB

Caricatura nº5. Formato JPG. 584 KB

Caricatura nº6. Formato JPG. 584 KB

Caricatura nº7. Formato JPG. 935 KB

Caricatura nº8. Formato JPG. 1 MB

Caricatura nº9. Formato JPG. 2 MB

Caricatura nº10. Formato JPG. 1 MB

Caricatura nº11. Formato JPG. 1 MB

Caricatura nº12. Formato JPG. 861 KB

Caricatura nº13. Formato JPG. 4 MB


Enlace e Fonte
lingua.gal
Secretaría Xeral de Política Lingüística
Portal da Lingua galega

13 may 2020

MÁIS INICIATIVAS PARA TRABALLAR A CARVALHO CALERO




MÁIS INICIATIVAS PARA TRABALLAR A CARVALHO CALERO

Unidades didácticas sobre Carvalho Calero


A Associaçom Galega da Língua (AGAL), en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e a Deputación da Coruña, elaborou unha serie de unidades didácticas coa finalidade de divulgar a figura de Carvalho Calero entre a comunidade educativa, en especial entre o profesorado de galego e de portugués de todos os niveis do ensino público non universitario.

Son unidades coordinadas por Teresa Crisanta V. Pilhado e Eduardo Maragoto e diagramadas por Uxio Outeiro:

Á descuberta de Carvalho Calero, de Bernardo Penabade: un percorrido pola vida e a obra do autor, cunha detallada cronobiografía e diversas tarefas que teñen como obxectivo salientar o seu papel como planificador lingüístico e docente e presentarlle ao alumnado de bacharelato o modelo lingüístico que defendeu.

Scórpio, de Teresa Crisanta V. Pilhado: unha análise desta obra narrativa de Carvalho Calero, que salienta os trazos autobiográficos que aparecen nela e propón como tarefa final a creación dun novo capítulo co cal participar nun concurso con tres categorías (1.º e .º da ESO, 3.º e 4.º da ESO e 1.º e .º de bacharelato) que terán como premio a inscrición de dous anos a Através Editora, coa correspondente recepción dos libros desta editorial.

Un ollar feminista sobre Scórpio, de Susana Sánches Aríns: unha lectura desde unha perspectiva feminista desta obra que foi Premio de Narrativa en 1987; Susana Aríns analiza as mulleres que aparecen na novela e en que medida se corresponden coas da vida real na etapa histórica que esta reflicte.

Carvalho Calero e a literatura, de Marisa Moredo Leirado: un estudo do papel de Ricardo Carvalho Calero como estudoso da literatura galega, que se centra en especial na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea. Remata cunha interesante proposta para o alumnado da ESO: realizar unha entrada máis para esta magna obra que recolla os datos máis destacados da produción de Ricardo Carvalho Calero.

Carvalho Calero e a lingua, de Marisa Moredo Leirado: unha unidade que mostra a relevancia de Carvalho Calero como lingüista, desde a súa Gramática elemental del gallego común á proposta reintegracionista que defendeu na última etapa e que propón como tarefa final para o alumnado da ESO a elaboración dunha gramática reintegracionista, tomando como base o anexo que se lle fornece.

Carvalho Calero para o ensino primario, de Laura García Diaz: unha unidade que lle achega a vida, a obra e a proposta ortográfica de Carvalho Calero ao alumnado de educación infantil e primaria mediante unha serie de actividades lúdicas e interactivas en liña.



Documentos relacionados

Á descoberta de Carvalho Calero. Formato PDF. 3 MB

Carvalho Calero para o Ensino Primário. Formato PDF. 1 MB

Carvalho Calero e a língua. Formato PDF. 3 MB

Carvalho Calero e a língua - Anexos. Formato PDF. 745 KB

Carvalho Calero e a literatura. Formato PDF. 6 MB

Scórpio. Formato PDF. 1 MB

Leitura feminista de Scórpio. Formato PDF. 2 MB

Á descuberta de Carvalho Calero. Formato PDF. 3 MB

Scórpio. Formato PDF. 1 MB

Un ollar feminista sobre Scórpio. Formato PDF. 3 MB

Carvalho Calero e a literatura. Formato PDF. 6 MB

Carvalho Calero e a lingua. Formato PDF. 1 MB

Carvalho Calero e a lingua- Anexo. Formato PDF. 1009 KB

Carvalho Calero para o ensino primario. Formato PDF. 1 MB


Documentos relacionados


CARTEIS E GUÍAS DIDÁCTICAS


Carteis para Secundaria. Formato PDF. 44 MB

Guía didáctica para Secundaria. Formato PDF. 1 MB


ENLACE: https://www.lingua.gal/letras-galegas?content=/Portal-Lingua/Contido/recursos/letras-galegas/2020/contido_0009.html


FONTE:
lingua.gal
O PORTAL DA LINGUA

Secretaría XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA

12 may 2020

CARVALHO CALERO , PEDAGOGO


"Don Ricardo encargábase de todo no Colexio Fingoi, foi un gran pedagogo"

 

"Don Ricardo encargábase de todo no Colexio Fingoi, foi un gran pedagogo"

En 1950 abría as portas no barrio lugués de Fingoi o colexio co mesmo nome promovido por Antonio Fernández López. Xunto aos seus irmáns, foi o creador de empresas pioneiras na economía galega, como a química Zeltia (1939) ou Pescanova (1960), mais tamén filántropo comprometido co desenvolvemento cultural e social do país, que prestou un grande apoio para converter en realidade o Museo de Lugo, a Editorial Galaxia ou a Fundación Penzol. Por iso cando en plena posguerra apostou por crear un colexio mixto herdeiro do espírito da Institución Libre de Enseñanza non dubidou en contar con Ricardo Carballo Calero, quen aínda sufría as represalias do goberno franquista. A actual directora do centro, Asunción Fernández, lembra a pegada que o protagonista do Día das Letras Galegas 2020 deixou neste proxecto e a súa propia experiencia como alumna.



Asunción Fernández

Ricardo Carballo Calero dirixiu o Colexio Fingoi durante quince anos, ata que en 1965 a Universidade de Santiago de Compostela reclamou os seus servizos para asumir a docencia das primeiras aulas de lingua e literatura galegas no ensino universitario de Galicia.

Por que decidiu Antonio Fernández López crear o Colexio Fingoi?

Na casa eramos doce irmáns. Os seis primeiros foron á Escola de Barreiros (Sarria), pero ao chegar o momento de estudar o bacharelato tiñan que marchar para Lugo. Meu pai era unha persoa con moito sentido común e non comungaba co tipo de ensino que se impartía naqueles anos, tanto nas escolas relixiosas coma nas públicas, memorístico e sen conexión coa realidade próxima. Decidiuse a fundar o colexio animado polo profesor e amigo, José Cabanillas, que logo sería docente de matemáticas no centro. El dicíalle: "Se tes doce fillos, crea o teu propio colexio!". E así o fixo, e tivo claro que o faría inspirándose na Institución Libre de Enseñanza, coa que estivera en contacto cando estudara Enxeñaría de Camiños en Madrid. A súa propia irmá Concepción, que tamén fixo alí a carreira, pasara pola Residencia de Señoritas.

Fingoi foi dende o primeiro momento un centro mixto nun momento en que imperaba a educación segregada. Como foi posible?

Ata o curso 1956-1957 o colexio non conseguiu a homologación, de maneira que o alumnado tiña que examinarse por libre, e cando a acadou foi porque se logrou que fose recoñecido como un centro experimental, doutra maneira as autoridades nunca permitirían naqueles anos a apertura dun colexio mixto. Meu pai concibiu o colexio como un lugar para educar persoas libres e de maneira integral. Iamos á praza para traballar as matemáticas, tiñamos un horto, unha estación meteorolóxica, impartíanse clases de música tradicional e baile, faciamos excursións pola contorna e viaxes por toda España...

Por que pensou o seu pai en Ricardo Carballo Calero para a dirección do Colexio Fingoi?

Foi unha proposta dun amigo en común do meu pai e de don Ricardo, Álvaro Gil Varela, que coma José Cabanillas e o propio Carballo Calero fora represaliado tras a guerra civil. Pareceulle boa idea pola gran formación que tiña, era un grande erudito. Pero don Ricardo foi a persoa ideal para isto porque, á parte da gran sabedoría e formación que tiña, era un gran pedagogo.

Dende que saíra da cadea en liberdade provisional en 1941, Carballo Calero seguía a sufrir o veto da administración franquista e gañara a vida dando clases en academias privadas. Como o sorteou en Lugo?

Oficialmente non podía figurar como director, así que foi nomeado conselleiro delegado do padroado que se creou, no que participaban familias e persoeiros da cultura.

Ricardo Carballo Calero cos primeiros alumnos e alumnas de Fingoi. Fonte: Colexio Fingoi








De que se encargaba no centro?

De todo. Vivía no propio recinto escolar, nunha casiña –coa muller e as fillas– onde estaba pendente de todo dende que o colexio abría ás 8:30 ata que pechaba ás 20:30 horas. Non só daba case todas as clases de lingua e literatura, tamén estaba no comedor, nas horas de estudo...

Vostede mesma foi alumna del. Como o recorda?

As súas clases eran moi motivadoras. Non facía case nin falta coller apuntamentos, era realmente ameno, impartía aulas moi interactivas. No colexio nunca se empregaron libros de texto e con don Ricardo traballabamos directamente con obras literarias. Non se limitaba a falarnos da literatura, sempre relacionaba as obras con outras cuestións de historia, xeografía ou música. Gustáballe moito cantar e ensinábanos moitísimas cancións populares, galegas e doutras partes de España, segundo o tema que estivésemos a tratar en cada momento.

Lembra algunha canción en especial que lle aprendese ao alumnado?

"Quen me dera lobeira", que foi logo interpretada por Amancio Prada. Enchíase de emoción cando a cantabamos, choraba e todo, porque malia ser un home tremendamente serio tamén era moi sensible.

Naqueles anos non estaba permitida a docencia en galego. Como levaba ás aulas a lingua?

Introducía a lingua a través das obras literarias que liamos. Estudabamos autores coma Castelao, Rosalía ou Otero Pedrayo, e animábanos a escribir as nosas propias obras e a envialas a concursos cando pagaban algo a pena. Tamén representabamos obras de teatro en galego. Eu mesma participei na representación de "Pimpinela" (un dos lances d'Os vellos non deben de namorarse de Castelao), na Farsa das zocas (do propio Carballo Calero) ou na adaptación que fixo d'O círculo de xiz.

Alumnado de Fingoi representando a adaptación d'O círculo de xiz realizada por Ricardo Carballo Calero. Fonte: Colexio Fingoi



O teatro escolar é, de feito, unha das grandes achegas que se lle recoñecen da súa etapa en Fingoi.

El encargábase de todas as partes: montaba as obras, dirixíaas... Sabía aproveitar o teatro como gran recurso pedagóxico que é, como parte dunha educación integral. Dáballe, por exemplo, moita importancia a que aprendésemos a falar ben e o teatro é un medio moi bo para traballar esta destreza.

O colexio formou parte dun proxecto cultural máis amplo, o Centro de Estudos Fingoi, a través do cal Antonio Fernández concedeu bolsas de investigación, fundamentalmente no eido das humanidades. Naqueles anos en que Carballo Calero foi director, polo colexio pasaron grazas a estas axudas persoas novas que axiña destacarían na cultura galega.

Si, foi o caso de Arcadio López-Casanova, de Xosé Luís Méndez Ferrín ou de Bernardino Graña. Méndez Ferrín deu clases dous anos en Fingoi e desa época é O cancioneiro de Pero Meogo (1966); e Bernardino Graña axudou a don Ricardo na edición dos Contos populares da provincia de Lugo (1963). Meu pai creara en 1939 a granxa de Barreiros, unha explotación agrícola innovadora que en 1948 se completou coa escola agrícola. O seu primeiro mestre foi Avelino Pousa Antelo. Entre outras iniciativas, acubillou uns cursos nos que participaban mestres de toda a provincia de Lugo que recollían, xunto co seu alumnado, contos, cancións e outros materiais etnográficos. Baixo a dirección de Ricardo Carballo Calero, Bernardino Graña foi o encargado de escolmar e ordenar eses relatos, publicados naquel volume, que acaba de ser reeditado por Galaxia.

FONTE R-A-G
academia.gal

7 may 2020

UNHA PALABRA PARA DON RICARDO



A Academia difunde cada día do mes das Letras a serie de microespazos audiovisuais 'Unha palabra para don Ricardo'

A Academia difunde cada día do mes das Letras a serie de microespazos audiovisuais 'Unha palabra para don Ricardo'

A Real Academia Galega programa para o mes de maio a serie 'Unha palabra para don Ricardo', un conxunto de minipezas audiovisuais arredor da figura de Ricardo Carballo Calero que conforman un retrato colectivo do protagonista do Día das Letras Galegas 2020. Os microespazos poderán verse a través da web e das redes sociais da institución e tamén serán difundidas pola CRTVG.

Fonte R.A.G.
academia.gal