18 dic 2019

ROSALÍA, ESTRELA GALEGA

A estrela Rosalía de Castro xa brilla no ceo

A candidatura impulsada pola Asociación Astronómica IO, de pór o nome da escritora a un astro da constelación de Ofiuco e o de Río Sar ao seu exoplaneta, obtivo un maioritario respaldo popular e acaba de ser aceptado pola Unión Astronómica Internacional




          Rosalía de Castro xa brilla no firmamento. Si desde hai dous anos asuca os ceos a lombos dun avión da compañía aérea Norwegian, agora elevouse moito máis. Xa é, de forma oficial, unha auténtica estrela. A candidatura da escritora galega gañou cunha esmagadora maioría de votos o concurso para designar co seu nome a estrela agora coñecida como HD 149143, situada na constelación de Ofiuco, a 240 anos luz da Terra. O seu planeta asociado, HD 149143, tamén pasará a denominarse Río Sar. O círculo da poetisa universal, máis universal que nunca, completouse. 
Rosalía de Castro e o río Sar son os claros vencedores da votación en Internet para elixir o nome dunha estrela e o seu planeta, dentro do proxecto internacional impulsado pola Unión Astronómica Internacional (IAU) como parte 
           Os nomes de Rosalía de Castro e Río Sar únense, desta forma, aos de Cervantes, Quixote, Rocinante, Sancho e Dulcinea, que tamén se elixiron por vocación e son desde o 2015 as denominacións oficiais da estrela Mu Arae e os seus catro planetas.

«É un grande orgullo obter este recoñecemento», destaca Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, que agradeceu o traballo realizado pola Agrupación Astronómica IO para presentar, primeiro, e impulsar daquela unha campaña de apoios entre a cidadanía que agora se viu apoiada polo éxito absoluto. «Rosalía -dice Angueira- é tamén agora a estrela que nos ilumina a todos nós», en alusión ao feito de que a escritora de Padrón está a alcanzar cada vez máis unha proxección internacional que se corrobora con recoñecementos como o actual.

«Para min -advierte Angueira- é un feito moi relevante que Rosalía de Castro dé nome a unha estrela, porque é un síntoma do seu poder, da súa vixencia, da súa figura valorada como algo vivo. A súa figura adaptouse a modernidade como un referente cultural de Galicia para o mundo, pero tamén en moitos outros aspectos, como no feminismo ou na loita social». O presidente da fundación entende que, á luz dos feitos, e agora tamén polo fulgor do seu brillo no ceo, a figura de Rosalía de Castro «está máis vixente que nunca, e os galegos temos que aproveitar recoñecementos como este para proxectala no mundo».

FONTE, LA VOZ DE GALICIA WEB 

FERREMENTA EN LIÑA




O Centro Ramón Piñeiro presenta a nova versión do Corpus Documental do Galego Actual 'CORGA 3.2.'


           A nova versión desta ferramenta lingüística pensada para favorecer a incorporación do galego ás TIC supera os 40 millóns de palabras e inclúe 25 horas de transcricións ortográficas de programas de radio nas que se aliñan texto e voz.


          O  secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou o pasado día 16 no Pazo de San Roque, na presentación da nova versión do Corpus Documental do Galego Actual (CORGA 3.2.), unha ferramenta lingüística en liña desenvolvida polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) representativa do uso lingüístico do galego actual.
         Valentín García recordou que o Ramón Piñeiro, centro de investigación dependente da Consellería de Cultura e Turismo, “ten entre as súas finalidades fundacionais o deseño e o desenvolvemento de recursos informáticos que axuden á incorporación da lingua galega ao mundo das tecnoloxías da información e da comunicación” e que “o do CORGA é un dos proxectos de investigación que se centran en darlle cumprimento a este obxectivo”.

Nova versión 3.2.

       
      O CORGA é un corpus documental desenvolvido no CRPIH, por medio dun convenio de colaboración coa USC, e integrado por distintos tipos de textos -xornais, semanarios, revistas, ensaios e textos de ficción (novela, relato curto e teatro)- que abrangue temporalmente desde o ano 1975 ata a actualidade e que está codificado no estándar XML (eXtensible Markup Language). A amplitude de documentos que o configuran e os criterios empregados na súa selección permiten considerar este corpus representativo do uso lingüístico do galego actual.
O corpus da versión ampliada -accesible no enderezo http://corpus.cirp.gal/corga, foi enriquecido automaticamente coa lematización e etiquetaxe morfosintáctica dos seus textos e contén 40.178.271 palabras ortográficas (48.184.012 elementos gramaticais) pertencentes maioritariamente a distintos tipos de textos escritos, mais tamén inclúe 25 horas de transcricións ortográficas de programas de radio nas que se aliña o texto coa voz.
         As principais novidades que mostra fronte á versión anterior son a visualización da información recuperada en forma de expresións coincidentes, de xeito que os resultados iguais se reducen a un, e a presentación, a modo de dicionario de frecuencias, de listaxes personalizadas relativas a formas, etiquetas, lemas e hiperlemas mediante os parámetros lingüísticos e clasificatorios dispoñibles no sistema. Estas funcionalidades veñen completar as que xa se deron a coñecer na versión 3.1. do CORGA, agora ampliada.


FONTE LINGUA.GAL

17 dic 2019

LINGUAS MINORITARIAS

Declaración da RAG verbo dos acordos do Comité de Ministros do Consello de Europa sobre a Carta de Linguas Rexionais e Minoritarias

 DO COMITÉ DE MINISTROS DO CONSELLO DE EUROPA SOBRE A
CARTA EUROPEA DE LINGUAS REXIONAIS E MINORITARIAS
O Comité de Ministros do Consello de Europa, na súa xuntanza do pasado 11 de decembro, aprobou as seguintes recomendacións ás autoridades españolas en relación co cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias:
1. Modificar a Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir o uso das linguas cooficiais nos procedementos xudiciais a pedimento dunha das partes.
2. Mellorar o uso das linguas cooficiais na administración do Estado nas Comunidades Autónomas.
3. Eliminar as limitacións do ensino en galego en Galicia.
Estas recomendacións están na liña das demandas reiteradamente expresadas pola Real Academia Galega nos tres aspectos que contempla ese acordo e concretamente nas manifestadas no informe que esta institución presentou no seu día ante o Comité de Expertos do Consello de Europa. Neste informe, a Real Academia Galega instaba a que o Comité de Ministros do CE aprobase unha recomendación específica para que "o goberno galego remova os obstáculos normativos que impiden o establecemento dunha oferta educativa completa ou principalmente en lingua galega".
A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias é un tratado internacional impulsado polo Consello de Europa co obxectivo de protexer os dereitos dos falantes das linguas europeas rexionais e minoritarias. En 2001, o Estado español adheriuse a esta Carta e no momento da súa ratificación comprometeuse a cumprila no conxunto das súas previsións e nos seus termos máis amplos. Así, o seu artigo 8 compromete as autoridades a ofrecer unha liña de educación preescolar e de ensino primario, secundario, técnico e universitario en lingua galega. Este compromiso non só foi incumprido, senón que a normativa sobre o uso do galego no ensino vixente no noso país desde 2010 (Decreto 79/2010 , do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia) se atopa en flagrante contradición con el, ao restrinxir este uso a un máximo do 50% do currículo (e a unha porcentaxe menor nos centros plurilingües), excluíndoo totalmente de materias como as matemáticas, a física e a química. Os datos sociolingüísticos recollidos en Galicia nos últimos anos, ao igual que os estudos feitos sobre a evolución do coñecemento e uso da lingua galega, mostran un alarmante retroceso do noso idioma na poboación infantil e na mocidade, poñendo de relevo os negativos efectos das limitacións ao uso do galego no sistema educativo.
A Real Academia Galega congratúlase do acordo do Comité de ministros do Consello de Europa sobre a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias e insta as autoridades do Estado español e, nomeadamente, da Comunidade Autónoma de Galicia, a seguir as recomendacións expresadas nel. É hora de honrar os compromisos contemplados na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias para que Galicia se dote dun modelo educativo que garanta os dereitos dos galegofalantes e asegure a vitalidade do noso idioma.

FONTE R.A.G 

16 dic 2019

PASRABÉNS

O Escritor  Paco Martín e o académico Ramón Villares, galardoados co premio Otero Pedrayo 2019

O xurado do Premio Otero Pedrayo 2019 acordou por unanimidade  conceder o galardón ex aequo a Ramón Villares e a Paco Martín. O académico e o escritor recibirán o galardón nun acto que se celeb

O Premio Otero Pedrayo foi instaurado no ano 1977 e na actualidade é promovido polas catro deputacións provinciais galegas e a Xunta de Galicia. A Deputación de Lugo encárgase este ano da organización do galardón, que recoñece a dúas figuras da cultura galega con raíces nesta provincia. 

Ramón Villares (Vilalba, 1951), catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, é especialista en historia agraria, cultural e política de Galicia. En 2006, ingresou na Real Academia Galega cun discurso arredor da traxectoria de Otero Pedrayo, que retomou recentemente co ensaio Fuga e retorno de Adrián Solovio (Galaxia, 2018). Como xestor, o profesor Villares foi reitor da USC (1990-1994) e presidente do Consello da Cultura Galega (2006-2018). 
Paco Martín (Lugo, 1940) é un dos autores de referencia da literatura infantil e xuvenil en galego. O seu maior éxito chegou coa publicación do título Das cousas de Ramón Lamote, traducido a varios idiomas e polo que foi recoñecido internacionalmente. A súa traxectoria na literatura foi parella á súa actividade como docente na que destacou como promotor de movementos de renovación pedagóxica, como Nova Escola Galega, e na elaboración de materiais didácticos en galego. 

FONTE, R.A.G

12 dic 2019

REVISTA NÓS

Inauguración da exposición 'Nós de onte a hoxe: 100 anos de historia'

 no Museo do Pobo Galego



               Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2019. A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura en colaboración co Museo do Pobo Galego inaugurou este mércores 11 de decembro a exposición Nós de onte a hoxe: 100 anos de historia. O acto tivo lugar ás 17h30 no Claustro do Museo do Pobo Galego

Nós de onte a hoxe: 100 anos de historia

                   Con esta mostra, a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura adiántase á conmemoración dos 100 anos de historia da revista Nós, cuxo primeiro número ve a luz o 30 de outubro de 1920. A exposición realiza un percorrido pola significación e a obra dos principais persoeiros do Grupo Nós: Vicente Risco (director literario), Castelao (director artístico), Ramón Otero Pedrayo ou Ánxel Casal (entre outros), así coma a súa conexión co Seminario de Estudos Galegos, iniciativa importante que marca o comezo dunha ciencia multidisciplinar en galego e sobre Galiza. Cómpre engadir, que o Grupo Nós será amplamente estudado por Ricardo Carvalho Calero, a quen se lle dedica o próximo día das Letras Galegas 2020, testemuña desta época e estudoso da obra dos principais artífices do Grupo.


FONTE, MUSEO DO POBO GALEGO WEB
                      

10 dic 2019

iniciativa polo galego na TV


Compostela, 5 de decembro de 2019.- 
                          Unha campaña na rede pídelle á Xunta de Galiza que facilite a lexendaxe e a dobraxe en galego dos filmes e series que ofertan as principais plataformas de contidos audiovisuais dixitais, (...) O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que “a Xunta debe favorecer o dereito ao acceso a contidos audiovisuais en condicións semellantes a outras linguas oficiais e cumprir coa obriga sinalada no artigo 20.1 da Lei de Normalización Lingüística de 1983 de fomentar a produción, a dobraxe, a subtitulación e a exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega”. 
Fonte+Participación,  
amesa.gal

4 dic 2019

PALABRA DO ANO


O Portal das Palabras anima a cidadanía a participar na escolla da Palabra do Ano 2019
O Portal das Palabras acaba de abrir o prazo de presentación de palabras aspirantes a se converter na Palabra do Ano 2019. A elección colectiva do termo que mellor resuma ou identifique a realidade que dalgún xeito marcou os últimos doce meses constará de tres fases. A primeira delas, na que calquera persoa poderá enviar as súas suxestións, permanecerá aberta ata o domingo 15 de decembro ás 23:59 horas nesta ligazón:

 https://portaldaspalabras.gal/palabradoano/

Posteriormente, do 16 ao 25 de decembro, someteranse a votación telemática os termos máis significativos e máis repetidos na primeira fase. O venres 27 de decembro darase a coñecer a Palabra do Ano 2019.



FONTE R.A.G.