22 ene 2020

exposición carballo calero en lugo

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na inauguración desta exposición elaborada polo Colectivo Egeria co patrocinio da Xunta de Galicia
A partir do vindeiro mércores 22 de xaneiro, 'Don Ricardo de Fingoi' poderá visitarse na Delegación Territorial da Xunta en Lugo
Lugo, 15 de xaneiro de 2020.- O lucense Colexio Fingoi acolleu este mediodía a inauguración da mostra Don Ricardo de Fingoi (Carballo Calero en Lugo), que conmemora os 15 anos en que o autor a quen a Real Academia Galega (RAG) lle dedicará o vindeiro 17 de maio residiu na cidade da Muralla para exercer como profesor e conselleiro delegado daquel centro educativo. A exposición, que estará no Fingoi ata o vindeiro 21 de xaneiro e poderá verse a partir do 22 na Delegación Territorial da Xunta nesta provincia, foi creada polo Colectivo Egeria co patrocinio da Xunta de Galicia, no marco da programación conmemorativa das Letras Galegas 2020.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo, María José Gómez, participaron no acto inaugural. Valentín García cualificou a Ricardo Carballo Calero de “profesor e, de facto, director excepcional dun colexio sen dúbida singular para a época por mor da innovación pedagóxica e da preocupación pola cultura galega” e convidou os lucenses a visitar unha exposición que lles mostrará, “non só unha nova perspectiva da vida e da obra de Calero, senón un anaco da historia recente da cidade”.
Canda eles, participaron na inauguración da exposición Víctor F. Freixanes, presidente da RAG; Margarita Carballo-Calero, filla de don Ricardo; Xulio Xiz, representante do Colectivo Egeria e coordinador da mostra; Asunción Fernández, directora do Colexio Fingoi; María Dolores Fernández, alumna de Carballo en Fingoi e alumna e posteriormente compañeira súa de departamento na Universidade de Santiago, e Pilar Martínez Conde, profesora de canto no Centro de Música Fingoi.
O acto estivo amenizado polos Gaiteiros de Fingoi dirixidos por Pepe Vaamonde e polo grupo de 5º e 6º de primaria dirixido por Paloma Suances, así como polo neto de Ricardo Carballo Calero, Jacobo Cela, que interpretou unha peza ao violín.

Mostras para as Letras Galegas

A exposición Don Ricardo de Fingoi, elaborada polo Colectivo Egeria para dar conta da presenza en Lugo de Ricardo Carballo Calero entre 1950 en 1965, conta co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e a colaboración da RAG e do Colexio Fingoi. Consta de trece paneis que percorren a relación do autor das Letras Galegas 2020 coa cidade da Muralla, acompañados de sinaladores de lectura e dun folleto que recolle os mesmos contidos dos paneis. Estes poden verse tamén desde hoxe no web www.carballocaleroenlugo.org e nos vindeiros meses estarán dispoñibles en formato libro.
Antes de acudir á inauguración de Don Ricardo de Fingoi, Valentín García visitou tamén na Escola Oficial de Idiomas da lucense a mostra Os doce anos de Fraguas en Lugo, elaborada polo mesmo Colectivo Egeria e por Galicia Dixital co apoio do Goberno autonómico no marco da programación conmemorativa das pasadas Letras Galegas, e que permanecerá 15 días na cidade tras percorrer Galicia ao longo de 2019.

FONTE LINGUA.GAL

15 ene 2020

21 DIAS CO GALEGO...

A RAG anima a mocidade a empregar o galego en todos os contextos e demanda políticas de socialización facilitadoras

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou este luns na apertura dunha nova edición do programa 21 Días co galego, que este ano chega a dez centros de secundaria. A iniciativa anima a estudantes de 12 a 18 anos a expresárense en galego as 24 horas do día durante tres semanas, un primeiro paso co que se pretende rachar prexuízos, afianzar a lingua entre os adolescentes galegofalantes e facilitar aos que non o son que rompan a falar no idioma propio de Galicia. Víctor F. Freixanes afoutou os mozos e mozas a seguiren este camiño e demandou políticas activas que promovan espazos de socialización en galego para as novas xeracións.
Inauguración de 21 Días co galego no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela

21 Días co galego naceu en 2013 no IES da Pobra do Caramiñal da man da profesora Pilar Ponte. Nun contexto fortemente castelanizado, en 2016 o profesor Carlos Medrano imitou o proxecto no Colexio Fogar Santa Margarida da Coruña. Ambos os dous centros presentaron en 2018 na Real Academia Galega a iniciativa, que neste 2020 se desenvolve, por segundo ano, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística para abranguer máis centros. Desta volta chega ata dez institutos de Galicia e suma 3.877 mozos e mozas inscritos.
Víctor F. Freixanes participou onte na apertura da nova edición no Colexio Fogar Santa Margarida e no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela, outro dos institutos que traballarán cos alumnos e alumnas neste marco para promover que empreguen o galego dentro e, sobre todo, fóra do centro educativo. No colexio coruñés acompañou o director, Raúl Díaz Carballeira, Alfonso Sanmartín, membro do consello escolar, e o profesor Carlos Medrano e en Santiago de Compostela tomou a palabra canda o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Educación, Manuel Corredoira; o director do IES, Manuel Portas; a promotora e coordinadora do programa, Pilar Ponte, e a alumna de bacharelato Noela Rivas.
O presidente da Academia animou o alumnado a usar con naturalidade o galego en todos os contextos e salientou a necesidade de promover "políticas activas para a socialización en galego" que favorezan especialmente a creación de espazos de relación e descuberta da vida para o público infantil e adolescente en lingua galega. "O galego non pode ser só unha materia nin un obxecto de museo. A lingua está viva e ten unha utilidade obxectiva. É ademais un dos patrimonios máis grandes que temos, un idioma propio", concluíu Víctor F. Freixanes, quen amosou a súa confianza en que o número de centros adheridos ao programa medre en vindeiras edicións.
Un momento da inauguración de 21 Días co galego no Colexio Fogar Santa Margarida da Coruña
FONTE R.A.G

13 ene 2020

CASTELAO

A Xunta lembra a Castelao 
no 70 aniversario do seu pasamento
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2020
  • facebook 
  • twitter
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde na igrexa de San Domingos de Bonaval na ofrenda floral organizada pola Fundación Castelao con motivo do 70 aniversario do pasamento do escritor.
Valentín García enxalzou a figura deste galego ilustre, coñecida e recoñecida como peza clave da nosa historia, un dos nosos autores máis universais e unha das persoas que máis traballou na defensa da cultura e a identidade galegas. Neste sentido, durante o acto lembrouse a súa traxectoria vital e creativa e o importante legado que o rianxeiro deixou a través das súas obras.

FONTE WEB XUNTA

9 ene 2020

sobre carballo calero...

Carballo ou Carvalho, pois das dúas maneiras o recoñecemos. A segunda foi a forma que el elixiu para o seu apelido na derradeira etapa da súa vida: proposta de aproximación ortográfica á lingua irmá portuguesa, consonte cunha tradición que tamén forma parte da nosa historia social e literaria. A Real Academia Galega dedica este ano 2020 á memoria dun dos intelectuais máis sobranceiros da Galicia contemporánea, crónica viva do galeguismo dende os anos do Seminario de Estudos Galegos, ao que se incorporou sendo moi novo, ata a súa xubilación na cátedra universitaria en 1980 e o seu falecemento o 25 de marzo de 1990.
Profesor, crítico literario, estudoso da literatura, lingüista, ensaísta, activo publicista, narrador, dramaturgo, poeta, na súa obra sobresaen algúns títulos especialmente significativos, como a Historia da Literatura Galega Contemporánea, esforzo xigantesco realizado en condicións certamente adversas, que se publicou por primeira vez en 1963, e que serviu de manual de referencia para as xeracións que a partir daquel ano comezaron a formarse no coñecemento da nosa literatura.
Outrosí podemos dicir das sucesivas edicións da gramática da lingua galega, que el denominaba "gramática do galego común", a primeira do ano 1966. A partir de 1979 (7ª edición) o profesor incorpora nos seus postulados unha nova liña non exenta de polémicas, con propostas decididas de achegamento ao portugués. De todo isto haberá ocasión de falar ao longo do ano que iniciamos. A Real Academia Galega promoverá foros científicos para escoitar e debater as achegas que, dende o coñecemento e o estudo do idioma, poidan realizarse.
Mais a personalidade de don Ricardo é moito máis rica. A súa obra literaria merece atención como novelista, como poeta, como ensaísta e dramaturgo, e a súa vocación docente deixou pegada en varias xeracións: nas aulas do Colexio Fingoi en Lugo e nas aulas universitarias despois. El foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galegas na Universidade de Santiago de Compostela (1972). El representa, igual que Antonio Fraguas o ano 2019, a crónica dunha parte moi importante do galeguismo no século XX, primeiro dende a ilusión, a vontade e o entusiasmo da xeración do Seminario e o Partido Galeguista e despois dende a resistencia do que os historiadores denominan o "exilio interior".
A Real Academia Galega, na que Ricardo Carvalho Calero ingresou como académico de número o 17 de maio de 1958 cun discurso sobre as fontes literarias de Rosalía de Castro, honra este ano a súa memoria, séntese honrada pola súa dedicación e traballo, e convida a toda a cidadanía a participar nos actos que se desenvolverán ao longo dos próximos meses.
 
VÍCTOR F. FREIXANES
PRESIDENTE DA R.A.G
FONTE R.A.G

8 ene 2020

letras galegas...ano de carballo calero


O Día das Letras Galegas de 2020 dedicado a Ricardo Carballo [Carvalho] Calero
A Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas de 2020 a Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), que dende o ano 1981 asinou as súas obras e escritos como Carvalho Calero.
O Pleno da institución acordou na sesión ordinaria celebrada hoxe homenaxealo o 17 de maio do ano que vén, cadrando cos 110 anos do seu nacemento e os 30 anos do seu pasamento. O profesor ferrolán, unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, desenvolveu unha traxectoria vital fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.
Ricardo Carballo Calero medrou en Ferrol, rematou o bacharelato na Coruña e en 1926 marchou estudar Dereito e Filosofía a Santiago de Compostela, onde mantivo unha intensa actividade intelectual e política: entrou axiña en contacto co galeguismo artellado arredor do Seminario de Estudos Galegos —do que chegou a ser secretario xeral— e cultivou un estreita relación con Vicente Risco, Castelao, Ramón Otero Pedrayo e outros mestres da Xeración Nós. Nesta etapa redactou un manifesto sobre a galeguización da universidade (subscrito, entre outros, por Álvaro Cunqueiro ou Francisco Fernández del Riego) e participou na fundación do Partido Galeguista e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia. Dos anos de mocidade son ademais as súas primeira obras literarias, os poemarios Vieiros (1931), o seu primeiro libro en galego, e O silenzo axionllado (1934).
A guerra civil estopou cando preparaba en Madrid as oposicións á cátedra de bacharelato, despois de acadar unha praza de funcionario no seu concello natal. Loitou no bando republicano, como miliciano primeiro e logo como tenente, e en 1939 foi detido e condenado a prisión. Dous anos despois foi posto en liberdade, pero prohibíuselle ocupar cargos públicos. Empezaría daquela unha etapa dedicada ao ensino privado que o levaría en 1950 a fixar a súa residencia en Lugo para dirixir o Colexio Fingoi, mentres restablecía relacións co galeguismo que non se exiliara. Ese mesmo ano fundábase a Editorial Galaxia, un proxecto co que colaborou activamente. Participou na primeira xeira da Colección Grial e foi membro do consello de redacción e constante colaborador da revista Grial desde a súa saída en 1963 ata 1989, pouco antes do seu pasamento.
No ámbito académico, en 1954 doutorouse en Madrid coa tese Aportaciones a la literatura gallega contemporánea. En 1958 ingresou como membro de número da Real Academia Galega, co discurso titulado Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, e máis adiante sería o redactor, xunto a Ramón Piñeiro, das primeiras normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas por esta institución (1970-71). En 1965 incorporouse como profesor interino á Universidade de Santiago de Compostela, da que foi o primeiro docente das materias de Lingua e Literatura Galegas, que se acababan de introducir como optativas nos programas universitarios; e en 1972 converteuse no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas, posto do que se xubilou no ano 1980. Durante as últimas décadas da súa vida mantivo unha intensa actividade como articulista e colaborador en prensa, residindo de xeito permanente en Santiago de Compostela, onde faleceu en 1990. O seu labor foi recoñecido nestes anos dentro e fóra de Galicia. En 1981 foi nomeado membro da Academia das Ciencias de Lisboa e en 1984 recibiu a Medalla Castelao.
Da creación ao estudo da literatura
A obra de creación literaria de Carballo Calero transita os diversos xéneros canónicos e suma uns vinte libros. Como narrador publicou 
A xente da Barreira (1951) —premio Bibliófilos Gallegos e primeira novela en galego da posguerra, cunha historia centrada nunha saga fidalga do rural—, Scórpio (1987) —na que retrata a xeración dos vencidos na guerra civil e considerada en certos aspectos autobiográfica— e relatos curtos. Tamén cultivou a poesía, con títulos como Vieiros (1931), O silenzo axionllado (1934), Anxo de terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952), Salterio de Fingoy (1961), o volume antolóxico Pretérito imperfeito (1980), Cantigas de amigo e outros poemas(1986) ou Reticências (1990). Igualmente, fixo achegas á literatura galega como dramaturgo: Catro pezas: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro (1971), Teatro completo (1982).
Na súa extensa produción destacan os seus estudos sobre a literatura, que con frecuencia atravesan as fronteiras entre os xéneros didáctico e ensaístico. Entre as súas importantísimas contribucións á historiografía literaria sobresae a erudita Historia da literatura contemporánea galega (1963), o esforzo de sistematización da nosa literatura máis ambicioso e significativo da segunda metade do século XX. Nos estudos que publicou na década de 1970 sobre diversos autores salientan os que lle dedicou a Rosalía de Castro, coa edición da súa poesía e análises da lingua e da obra literaria da poeta (Estudios rosalianos, 1979). Unha parte deses traballos están recollidos en colectáneas como Libros e autores galegos (2 vols., 1979 e 1982), Estudos e ensaios sobre literatura galega (1989) e Escritos sobre Castelao (1989). Foi tamén moi relevante a súa actividade como conferenciante e articulista, incluso nas páxinas da prensa diaria, arredor de asuntos de índole filolóxica ou cultural. Recolleitas de traballos deste tipo atópanse nos volumes misceláneos Umha voz na Galiza. Artigos de Jornal (1933-1989)(1992) e Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación (2010).
Carballo Calero é ademais autor da Gramática elemental del gallego común (Galaxia, 1966), manual de referencia para as primeiras xeracións de estudantes de lingua galega e que atinxiu unha gran difusión, ata chegar ás sete edicións. A de 1979, a derradeira, ten cambios importantes na ortografía e en escollas léxicas e, sobre todo, morfolóxicas a raíz do cambio na concepción de Carballo sobre o que debería ser o galego culto, xa que desde mediados da década dos 70 pasou a defender a adopción dunha ortografía próxima á portuguesa para o galego e a aceptación do portugués como referencia fundamental do galego estándar. A partir desas datas empeza a asinar como Ricardo Carvalho Calero. Os seus traballos lingüísticos e a exposición e propostas de orientación reintegracionista foron recollidos en volumes como Problemas da Língua Galega (Lisboa, 1981), Da fala e da escrita (1983) e Do galego e da Galiza (1990).


FONTE
R.A.G

estamos de volta...

xa estamos de volta...
bo ano para todos e todas...

palabra do ano 2019...sentidiño


O termo que se impuxo aos outros cinco finalistas na votación popular promovida polo Portal das Palabras é moito máis ca un diminutivo e constitúe un xeito propio da lingua galega de designar o sentido común