17 mar 2024

Lucía Domínguez Pereira, un talento do relato curto

No mundo da literatura galega, onde as palabras tecen historias que enriquecen o noso patrimonio cultural, emerxen novos talentos que prometen seguir enriquecendo este legado. É con gran orgullo e admiración que hoxe nos centramos nunha desas voces prometedoras, unha alumna do noso instituto: Lucía Domínguez Pereira. 

Recentemente foi galardoada cun recoñecemento para xóvenes escritores da nosa comunidade no XXIX Certame de Trapero Pardo, de relato curto.

Na entrevista que segue, mergullámonos na mente desta xoven escritora para descubrir non só o proceso creativo detrás da súa obra premiada, senón tamén as súas inspiracións, os seus retos e, o máis importante, o que este recoñecemento significa para ela e os seus soños futuros no mundo da literatura.

Dámoslle as grazas a Bruno Formoso, titor da noxa xove escritora, pola súa presenza na recollida do premio e por facerlle esta pequena entrevista. E, por suposto, grazas a Lucía por prestarse a contestar as preguntas e por pasear o nome do noso instituto nestas actividades creativas.

1. Como chegaches a interesarte pola escrita de relatos breves? Foi este certame o que che levou a escribir, ou máis ben foi ao revés (xa tiñas esa inquedanza e logo descubriches este certame)?

Máis ben foi ao revés. Polo de agora non escribo textos de grande extensión, senón que me gusta máis condensar as miñas historias entre seis e dez follas. Teño esa afección desde pequena, e cando fai tres anos un profesor de galego me deu as bases deste certame non dubidei en presentarme. Sentinme satisfeita cando o meu profesor de galego deste ano mo dixo, e por unha parte tomeimo como unha recompensa porque tiven que dedicarlle tempo á historia. Pasei algúns días buscando información na rede sobre unha vila que quedara arrasada pola auga dun encoro e que me pareceu moi peculiar (decidín ambientar o relato alí). Aínda así, tamén penso que a medida que escribía víñanme moitas ideas á cabeza e por iso paseino moi ben escribindo. Á fin ao cabo, como o tema é libre, ninguén impón restricións sobre o que os participantes do certame podemos facer no papel.

2. A que idade comezaches a interesarte pola escrita e a que persoas destacarías como apoios ou guías importantes para chegar ao punto no que agora estás?

Como dixen antes, a escrita interesoume desde pequena. Cando tiña oito ou nove anos presenteime algún ano aos concursos de poesía da Biblioteca Municipal de Lugo porque tamén me gustaba facer poemas, e unha vez participei nun certame a nivel galego que tamén era de contos (non acadei ningún premio). Supoño que iso, sumado ao incentivo dos meus pais e profesores (que sempre que me din que me presente a todo canto poida, e por iso lles estou agradecida) animoume a escribir ata agora.

Creo que non me atopo en ningún punto da miña traxectoria, simplemente fago o que me gusta todo o mellor que podo. Quizais nun futuro, e iso espero, si poda converter a miña afección en algo maior.


3. Hai algunha escritora ou escritor famoso que sexa unha inspiración para ti?

Por suposto, e podería nomear a moitos. Por exemplo, encántame Jordi Sierra i Fabra non só pola amplitude e variedade da súa obra, senón pola súa capacidade narrativa para calquera contexto (ten libros de temática moi variada). Tamén os autores galegos (Ledicia Costas, por como combina o humor e o tráxico; Lois Pérez; Domingo Villar,...) ou clásicos variados (lin Agnes Grey de AnneBrönte e encantoume polo seu realismo; estou comezando con Saramago, portugués que obtivo o Premio Nobel de Literatura e que ten un estilo formal e informal ao mesmo tempo,...).

Se tivese que facer unha recomendación para ler nestas próximas vacacións, escollería O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas (autor coruñés). Lino en verán; cóntanos a historia dunha relación entre un republicano e unha moza que transcorre ao longo da Guerra Civil e que ten como fío condutor un lapis de carpinteiro que un camareiro garda anos despois dos sucesos transcorridos. Está fantasticamente contada, é un estilo sinxelo que di moito en poucas palabras. Encantoume, e penso que é axeitado para calquera curso de Bacharelato, cuarto ou incluso terceiro de secundaria.

4. Como dirías que se relaciona a escrita coa lectura? Cres que é posible contar un bo relato sen ter escoitado ou lido moitos outros antes?

A escrita é a manifestación nun papel de como nos expresamos. Para levala a cabo é imprescindible, baixo o meu punto de vista, ler antes. Sen unha base de vocabulario, expresións ou recursos narrativos, a mensaxe que queremos transmitir perde moito contido. De feito, desde que somos pequenos a lectura precede á escrita ou ben son completamente simultáneas. Desde a miña perspectiva, non se pode contar un bo relato sen ter aprendido mediante a lectura como o contan outras persoas.