15 dic 2020

información de correlingua

 

#VinteCoaLingua

Desde aquí poderás seguir o Correlingua 2020 en Becerreá

 

Preme na seguinte ligazón para asistir ás actividades:

BECERREÁ | 21 de DECEMBRO 2020
10:30h IES Becerreá
Biribirlocke
Transmisión: https://youtu.be/dvW635Hx8dY

Todos os concertos


Nestoutra ligazón poderedes ver todos os concertos anteriores de Paco Nogueiras, Luís O Caruncho, Monoulious, Biribirlocke, Aldaolado e A Gramola Gominola, que estarán dispoñibles en liña ata o vindeiro 22 de decembro.

https://www.youtube.com/channel/UCr2OLt6DKsi7x6XP0AAhq3g

13 dic 2020

12 dic 2020

6 dic 2020

29 nov 2020

COMPARTIMOS INFORMACIÓN FACILITADA POR correlingua.com

 COMPARTIMOS INFORMACIÓN FACILITADA POR correlingua.com

Desde aquí poderás seguir o Correlingua 2020 en Zas e Rianxo

Preme nas seguintes ligazóns para asistir ás actividades:


ZAS | 30 de novembro 2020
13:30h CPI de Zas
Monoulius Dop
Transmisión:
 https://youtu.be/q5V9IDCRLDU


RIANXO | 2 de decembro 2020
10:00h CEIP Ana Mª Diéguez
Biribirlocke
Transmisión: 
https://youtu.be/m50030ry76M

27 nov 2020

A Fundación Granell celebra as Letras de Carvalho Calero cun maratón de lectura

 

Fundación Granell celebra as Letras de Carvalho Calero cun maratón de lectura

O tradicional maratón de lectura do Día das Letras Galegas que a Fundación Granell organiza no mes de maio tivo que adiarse por mor da situación sanitaria e está a ter lugar na semana en que se celebra o aniversario do pintor surrealista, nado en 1912 –só dous anos despois que Ricardo Carvalho Calero– e que pasou a súa infancia e mocidade en Santiago de Compostela. O artista e o filólogo e escritor ferrolán ao que este ano a RAG lle dedica as Letras Galegas coñecéronse naqueles anos de xuventude, como lembra o propio Eugenio Granell nas súas Memorias de Compostela. "De Carballo Calero no recuerdo el nombre, pero no se me borró el prestigio de su estampa. Me asombraba su dominio de un horizonte cultural que me imaginaba inabarcable", expresa nesta obra, cuxo mecanoscrito se exhibe na sala en que está a ter lugar o maratón.

Fonte: academia.gal

23 nov 2020

XAVIER SENÍN, "PREMIO NACIONAL Á OBRA DUN TRADUTOR 2020"

 

Xavier Senín, "Premio Nacional á Obra dun Tradutor 2020"

A traxectoria de Xavier Senín vertendo ao galego obras literarias de distintos xéneros e para todos os públicos mereceu o "Premio Nacional á Obra dun Tradutor 2020", concedido polo Ministerio de Cultura. O xurado, acordou outorgarlle o galardón ao académico correspondente en recoñecemento a un labor que destaca "pola súa calidade e meticulosidade". Na súa xustificación salienta tamén o coñecemento "pouco común" das variedades diatópicas, diastráticas e diafásicas do galego do filólogo, que trouxo á nosa lingua dende clásicos como O Quixote ata os populares álbums de banda deseñada de Astérix.

Como tradutor, Xavier Senín ocupa un espazo de relevancia tanto pola cantidade como pola calidade das súas achegas. Foi membro do equipo de tradución d'O Quixote  publicada por Xuntanza Editorial en 1990 e verteu tamén ao galego moitos títulos dirixidos ao público máis novo, sempre no centro da súa atención, un interese que o levou a asumir a presidencia da Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil (1998-2001).

Foi ademais impulsor e presidente da Asociación de Tradutores Galegos (ATG), creada en 1985 para potenciar a tradución ao galego como ferramenta de normalización lingüística; e redactor responsable da edición galega d'O Correo da Unesco dende a súa aparición en 1989 ata 2001. A Real Academia Galega nomeuno académico correspondente no pleno do pasado mes de outubro.


fonte: academia.gal


16 nov 2020

BIBLIOTECA DE EMILIA PARDO BAZÁN

 

A Real Academia Galega formalizou a semana pasada ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a solicitude para que a da biblioteca de Emilia Pardo Bazán sexa declarada como ben de interese cultural (BIC), xa que considera que só deste xeito pode garantirse a súa axeitada protección. A petición presentouse unha vez realizado o traballo de revisión e catalogación dos libros da escritora coruñesa que aínda fican nas Torres de Meirás, un labor que foi posible grazas ás xestións iniciadas a finais de 2015 pola RAG, que custodia preto de 8000 títulos da autora. A protección deste patrimonio singular foi un dos temas abordados na xuntanza que mantiveron hoxe en San Caetano o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen manifestou o apoio do Goberno autonómico a esta petición e confirmou que esta será aprobada en breve.
FONTE: academia.gal

13 nov 2020

ASTRONOMÍA E LINGUA GALEGA

 

A Real Academia Galega aproba os nomes normalizados das constelacións

A Real Academia Galega dá un paso máis na mellora do vocabulario técnico da astronomía coa aprobación dunha proposta normalizada e oficial dos nomes das oitenta e oito constelacións recoñecidas pola Unión Astronómica Internacional. A listaxe, dispoñible nesta ligazón, é froito da colaboración entre o Seminario de Terminoloxía e o equipo composto por Salvador Bará, profesor da área de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela; Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío; e o físico Dosi Veiga, impulsor de Ceos Galegos. O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, o coordinador do Seminario de Terminoloxía, o académico Manuel González; e o director de Cultura do Concello da Coruña, Rómulo Sanjurjo, presentaron hoxe o resultado deste traballo na Casa das Ciencias nun acto que concluíu ollando a recreación do ceo do planetario con Martin Pawley como guía.

Fonte: academia.gal


12 nov 2020

NOVAS PROPOSTAS

Trasladamos información de interese proporcionada pola Coordinadora Territorial dos EDLG da Provincia de Lugo


Logo do aprazamento do pasado mes de abril, o Consello da Cultura Galega (CCG), co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), retoma, do 13 ao 19 de novembro, a XXII edición dos Encontros para a normalización lingüística, centrados, nesta ocasión, na integración lingüística dos colectivos non galegofalantes de orixe. As gravacións dos relatorios estarán á vosa disposición desde este venres no web do CCG http://consello dacultura.gal/ e na súa c anle de You Tube e, a partir do próximo luns, podedes asistir de xeito virtual aos debates correspondentes. Non é preciso que vos inscribades, pero, se queredes participar nos coloquios, debedes facelo a través de participa@consellodacultura.gal. Tedes o programa e toda a información en: 

https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias/_/Formacion/convocatoria_0297/xxii-encontros-para-normalizacion-linguistica.


Por outra banda, este mes en que conmemoramos o Día da Ciencia en Galego tamén vos pode interesar a recompilación de materiais específicos relacionados con este ámbito que se divulgan desde o web da SXPL: https://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/conmemoracions/ciencia-en-galego. Non esquezades tampouco que, tal e como vos indicamos anteriormente, se vos apetece asistir á videoconferencia da investigadora galega Sonia Villapol debedes anotarvos en: http://www.igaciencia.eu/index.php/gl/node/350, e quen non poida conectarse terá a posibilidade de seguila en streaming na canle de You Tube   do CAFI: https://youtu.be/AOCeGlHdlDk.


No Portal da Lingua Galega dispoñedes, ademais, doutros recursos procedentes do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021, moi útiles tanto dentro como fóra das aulas. Podedes ver desde curtametraxes, documentais ou teatro ata videotitoriais sobre xoguetes tradicionais ou Toupiconsellos para os máis pequenos. Atoparédelos en: https://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/rede-de-dinamizacion-linguistica/programas/contido_0152/


 

10 nov 2020

GALA DO LIBRO GALEGO

 

A gala do libro galego 2020 celebra a súa quinta 

edición. 

Conducida por Quico Cadaval, poderase seguir o 

vindeiro sábado 21 de novembro, ás 12:00 

horas, na canle de Youtube da propia Gala do Libro


para máis información,
lingua.gal

6 nov 2020

VÍA RÁPIDA AO GALEGO

 Xunta e Renfe Viajeros homenaxean a Carvalho Calero nos trens de alta velocidade e nas estacións de sete localidades galegas

O titular de Política Lingüística destacou que a colaboración con Renfe Viajeros no marco da programación institucional das Letras Galegas renóvase por terceira vez “para facer extensivo o tributo a Carvalho Calero e visibilizar e dinamizar a lingua galega tanto desde o sector da importante rede de transportes como das persoas usuarias.


LIGAZÓN

3 nov 2020

CONVOCATORIAS DE INTERESE

 TRASLADAMOS, ESPERANDO SEXA DO VOSO INTERESE,  INFORMACIÓN DE RELAVANCIA PARA A DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA FACILITADA POLA

Coordinadora territorial dos EDLG da provincia de Lugo

Xefatura Territorial da CCEOU

O vindeiro 16 de novembro, a Institución Galega da Ciencia (Igaciencia), en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), ofrécevos a posibilidade de asistir ao webinario Só a ciencia nos rescatará da pandemia, que impartirá a galega Sonia Villapol Salgado. O evento retransmitirase en directo das 12.45 ás 14.00 h desde o Centro Médico de Texas (Houston) onde esta científica desenvolve as súas investigacións. A conferencia está destinada fundamentalmente a alumnado de 4º de secundaria, bacharelato e ciclos formativos de FP relacionados co ámbito da sanidade. Se vos queredes sumar á proposta, deberedes inscribirvos e seguir as indicacións que aparecen en: http://www.igaciencia.eu/gl/node/350. Non poderá haber máis de 1000 conexións simultáneas, de modo que, se se supera este número, a selección dos centros farase segundo a orde de chegada das solicitudes. Quen non se poida conectar en directo terá a opción de ver a gravación que se difundirá posteriormente no Portal da Lingua Galega.


Tamén vos pode interesar a XVI Xornada de Dinamización Lingüística organizada por Ferega co apoio da SXPL. A actividade, aberta tanto a docentes de centros públicos como concertados e privados, realizarase virtualmente o 26 de novembro de 16.00 a 18.00 h, e presentará, entre outros contidos, ferramentas e recursos virtuais para utilizar nas aulas nestes tempos de pandemia. Se queredes participar, podedes cubrir o formulario que tedes en: https://www.escolascatolicas.es/xornada-dinamizacion-linguistica/.

27 oct 2020

ENLACES DE INTERESE

Compartimos, esperando sexan do voso interese,  algúns enlaces para poder realizar dende a aula visitas guiadas virtuais, ver exposicións...

ENLACES DE INTERESE PARA TRABALLAR CONTIDOS VIRTUAIS DO MUPEGA E DO MUSEO DO POBO GALEGO




24 oct 2020

a lingua e nós!!!!

  A lingua e nós!!!

 

 


A lingua ten historia, é historia, nela fala a sabiduría do pobo, nela exprésase a cultura...por iso a lingua é a alma da sociedade ...con ela dicimos todo, sen ela, nada...

      A lingua é poesia, historia, novela e ensaio...á lingua é o código máxico que nomea as cousas, os sentementos...

á lingua é a valedora da cultura, da comunicación, das relacións humanas...

É o repositorio do que sexa o humano e de como se exprese...

Na lingua fala o pobo...dende as teorías máis reputadas científicamente aos refráns máis certeros...  

      Porque as linguas son formas de nomear as realidades, e a realidade é todo aquilo que lle afecta ao ser humano, a lingua é o máis humano do humano.

      As linguas existen porque a persoa ten algo que dicir...

porque ten algo que expresar... Non para o ser humano de preguntar, e responder, de facerse cargo da realidade, de

cargar con ela, de encargarse dela...e iso o fai coa linguaxe, coa lingua...a lingua expresa os desexos máis profundos, as inquedanzas... a lingua expresa a morriña, a suadade...tamén expresa o inefable, o máis profundo...

      A nosa lingua noméanos, nomea a nosa terra, a nosa paixase, o noso mar... nomea o noso ceo, as nosas árbores, os nosos amores, as nosas fobias, as nosas loitas....a lingua

noméanos....!!!

      Ela vai máis aló da burocracia, máis aló das administracións, máis aló da cultura establecida e da alternativa... máis aló da prensa, da radio, das asociacións... mási aló da política... a lingua é iso, si... pero é máis...moito máis.

A nosa lingua é a lingua da nosa realidade... a nosa vida...nela nós vivimos, amamos, sentimos... con ela coñecemos, interpretamos... e transformamos a nosa realidade...

A LINGUA FAI CAMIÑO, A LINGUA FAI TERRA, FAI NOMES, FAI HISTORIA, FAI POESÍA, MÚSICA, CIENCIA...

A LINGUA É TODO E TODO É A LINGUA...!!!!!

 

A LINGUA CREA TERRA, A TERRA CREA LINGUA

 

FALA EN GALEGO! SINTE EN GALEGO! PENSA EN GALEGO! AMA EN GALEGO! VIVE EN GALEGO!


23 oct 2020

 

A obra Don Ricardo de Fingoi dá conta do legado intelectual e persoal de Carvalho Calero en Lugo

O secretario xeral de Política Lingüística e o delegado territorial da Xunta participaron na presentación do libro que complementa a exposición itinerante e o web homónimos, impulsados polo Colectivo Egeria co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

Os anos lucenses e o seu paso polo Colexio Fingoi considéranse decisivos na traxectoria profesional, persoal e intelectual do autor homenaxeado polas Letras Galegas

Lugo, 22 de outubro de 2020.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixeron hoxe a presentación pública do libro Carvalho Calero en Lugo. Don Ricardo de Fingoi, que complementa a exposición itinerante e o web homónimos sobre a figura deste intelectual que impulsa o Colectivo Egeria co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco da programación conmemorativa das Letras Galegas 2020 da Xunta de Galicia,

A obra Carvalho Calero en Lugo. Don Ricardo de Fingoi dá conta do importante legado intelectual e persoal que deixou Ricardo Carvalho Calero durante os seus 15 anos de estancia en Lugo e o seu paso polo Colexio Fingoi se consideran decisivos na traxectoria profesional, persoal e intelectual do autor homenaxeado este 17 de maio pola Real Academia Galega (RAG).

García Gómez salientou que “Carvalho Calero foi profesor e director dun colexio que destacou pola súa innovación pedagóxica e polo compromiso firme coa lingua e coa cultura galegas”. Ademais dos representantes da Xunta, tamén participaron no acto Magalí Carballo Ramos, filla do autor homenaxeado; Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria e Asunción Fernández (Siña), directora do Colexio Fingoi,

A presentación, celebrada na Biblioteca Pública de Lugo, enmárcase na semana cultural que o colectivo Egeria e a Xunta de Galicia dedican en Lugo a través do proxecto Don Ricardo de Fingoi, que vén desenvolvendo desde xaneiro deste ano a asociación cultural co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. No decurso do acto, rendéuselle tamén homenaxe á profesora Araceli Herrero Figueroa, unha das maiores especialistas no autor, falecida en xuño deste ano.

Carvalho Calero na voz do seu alumnado

O libro Carvalho Calero en Lugo. Don Ricardo de Fingoi, que ademais de co patrocinio da Xunta de Galicia conta coas colaboracións da RAG e do Colexio de Fingoi, réndelle homenaxe ao autor desde os testemuños, entroutros, de quen foron os seus alumnos e alumnas e reflite as súas pegadas na cidade de Lugo, na que o autor viviu tres lustros (de 1950 a 1965) e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.

Participan na edición Marisol Truque, Angelines Penas, Rosa Canto, Asunción Fernández, Marcos Fernández, Rosendo Figueroa, Mª Ángeles Rico, Mª Luz Corredoira, Araceli Herrero, María José Pardo-Gil, Emilio Valiño, Mª Carmen Fernández, Adela Figueroa, Francisco García-Bobadilla, Xosefina Baamonde, Fernando Pardo, Luis Abeledo, Bernardino Pardo, Mª Carmen Herrero, Gloria Baamonde, Juan Carlos Teijeiro, Fernando López-Acuña, Antonio López-Acuña, Carmela Dadín, Mª Dolores Fernández, Ramón Courtier, Maricruz Truque, Carmen Blanco, Jacobo Sández, Bernardo Abeledo, Pepa Carro, Marina Cal, Carlos Fernández, Manuel Sández e Xulio Xiz.

O proxecto homónimo inclúe, ademais deste libro, un web e unha exposición itinerante, ademais dun folleto que reflicte integramente os trece paneis da exposición. Todos os materiais poden consultarse e descargarse nos portais web www.carballocaleroenlugo.org e https://colectivoegeria.org/portfolio/don-ricardo-de-fingoi-carballo-calero-en-lugo.


FONTE: LINGUA.GAL

5 oct 2020

BENVIDAS E BENVIDOS!! NOVO CURSO!!!

 Bemvidas e benvidos a este novo curso 2020-2021!!!

Collemos o relevo do curso pasado inseridos ainda nesta pandemia que mudou á nosa foma de vivir!!!

Seguimos con moito coidado, con moita precaución e cumprindo todas as normas de seguridade!!!

Hai que seguir!!!

O equipo EDLG, QUE VARÍA POUCO NA SÚA COMPOSICIÓN FRONTE A O DO ANO PASADO,  seguirá a traballar por darlle o pulo que merce a nosa lingua!!!

Seguramente moitas actividades non se poderán levar  adiante, ...outras sí!!!

Ánimo e IMOS ALÓ!!!!


2 jul 2020

OUTRO CURSO QUE REMATA


Outro curso que remata, de novo. E TAN NOVO…!!!!

ISTO FOI TODO,  AMIG@S!!

Nunca se sabe o que nos queda por ver!!!

Quen ía pensar que de súpeto a nosa contorna, as nosas actividades diarias, as nosas formas de comunicar terian que mudar 180 grados!!!

Dun día para outro: suspensión das clases, confinamento nos domicilios, rúas valeiras…

Case sen tempo a pensalo trocamos o pupitre pola silla do carto, do salón ou da cociña…trocamos o boli e a libreta polo pen, o ordenados, tablet, ou móbil…

Pasamos de estar cos nosos compañeiros e compañeiras  a só velos por unha pantalliña, cando así se puido!!!

Quen o ia a pensar!!! O atípico, o anómalo, o inédito tomaba as rendas das nosas vidas!!!

A capacidade humana de adaptación ao medio é de todos coñecida!!!

Pois si, houbo que adaptar: programación, clases, probas….ACTIVIDADES, CONVOCATORIAS…CERTAMES….houbo que reinvertarse…sí…!!

E se fixo.

Parabens a todos/as!!!

Ao alumnado que terminou estapas no CENTRO , moita sorte nas súas vindeiras andanzas!!! OS NOSOS MELLORES DESEXOS!!!

Dende o EDLG mantivemos as actividades do xeito que  foi posible…!!!

Un curso que termina, de novo.

Ä VOLTA…


(MONTAXE DAS PORTADAS DA NOSA REVISTA "Á SOMBRA DA MURALLA" CORRESPONDENTES AOS ANOS 2017, 2018, 2019 E 2020.)



…poderemos disfrutar da NOSA REVISTA, “Á SOMBRA DA MURALLA” na Biblioteca do Centro e como sempre  no noso Blog, ”As trasnadas do Xoán”

Saúde!

QUEQUE

28 may 2020

DICIONARIO E PANDEMIA


O Dicionario incorpora 'desconfinamento', 'covid-19', 'coronavirus' e outras palabras da pandemia



O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega acordou na súa última xuntanza, celebrada telematicamente, incorporar ao Dicionario covid-19, coronavirus, teletraballo, desconfinamento e desescalada xunto a outras palabras de uso crecente en plena pandemia, visibles desde esta mesma mañá, na edición en liña desta ferramenta esencial da lingua galega. Dende o comezo do confinamento o pasado 15 de marzo, o Dicionario da RAG acadou o maior volume de consultas da súa historia. O mes de marzo rematou cunha media de 113.000 procuras diarias que en abril chegaron ás 133.000 (preto de 4.000.000 en total), un 82% por riba das rexistradas no mesmo período do ano anterior. A crise sanitaria tamén deixou pegada entre os termos máis buscados. Xunto aos que adoitan repetirse todos os meses nesta listaxe, como só, máis, fóra ou botar, nas últimas semanas as procuras das palabras corentena, confinamento, máscara e pandemia foron as que máis medraron.



Fonte R.A.G.

Enlace: academia.gal

17 may 2020

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!!!


17 DE MAIO, SEMPRE !!!
As línguas expresan aos pobos!!
Vivamos en galego!!

D. RICARDO 
FONTE, ACADEMIA.GAL


Temos colgado neste blog numerosas noticias, actividades, iniciativas en torno a Carvalho Calero, persoa homenaxeada este ano no DÍA DAS LETRAS GALEGAS....

Hoxe, ademáis,  queremos, dende aquí, enviarlle os nosos PARABÉNS, a Margarita Carballo, filla de D. Ricardo e profesora que foi durante anos neste noso Centro, IES XOÁN MONTES.
E, asemade, celebramos nestes días tamén, o 180 aniversario do Músico Xoán Montes, persoeiro inesquecible na música galega,  e que dá nome ao noso Instituto.

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!!!!


CARVALHO CALERO NA PRENSA


fontes e enlaces:
lavozdegalicia.es
elcorreogallego.es
elprogreso.es







XOÁN MONTES, música das Letras











16 may 2020

PARA XENTE MIÚDA, TAMÉN CARVALHO CALERO


FONTE E  ENLACE
PORTAL DA LINGUA GALEGA
SECRETARÍA XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA
https://www.lingua.gal/c/document_library/get_file?folderId=1647069&name=DLFE-20772.pdf
lingua.gal

14 may 2020

A Academia celebra o Día das Letras Galegas na Rede con propostas para todas as idades


A Academia celebra o Día das Letras Galegas na Rede con propostas para todas as idades

A pandemia da COVID-19 obrigou a adiar o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, que terá lugar en Ferrol o 31 de outubro cadrando co 110 aniversario do seu protagonista, pero a celebración arredor do 17 de maio proxéctase con forza ao espazo virtual. A Real Academia Galega está a ofrecer contidos diversos a través da Rede pensados para achegar de xeito ameno a figura e a obra do homenaxeado ao público de todas as idades. Os pequenos e pequenas da casa dispoñen de propostas lúdicas e didácticas na web primaveradasletras.gal, un espazo para a comunidade de infantil e primaria que dende comezos do mes de maio bate récords, duplicando o número de páxinas vistas e cun incremento por riba do 185% no número de usuarios. A RAG está, ademais, a debuxar cada día un retrato colectivo do autor a través da serie de microespazos audiovisuais Unha palabra para don Ricardo, un produto feito dende o confinamento que se suma a outros como a serie de entrevistas dixitais que a institución está a publicar na sección que lle dedica a Carvalho Calero nesta páxina web. Nesta mesma fiestra dixital, o académico Henrique Monteagudo asina a biografía do homenaxeado que percorre os principais momentos e títulos da súa traxectoria.


FONTE: R.A.G.
ENLACE: academia.gal

CARICATURAS DE CARVALHO CALERO POR SIRO


Serie de caricaturas de Carvalho Calero elaboradas por Siro



A colección conta con 24 deseños de estilos diferentes -desde a caricatura con esaxeracións mínimas para salientar a expresión do retratado ata a de esaxeracións máximas, nun xogo artístico e humorístico cos riscos faciais- que percorren a evolución de don Ricardo desde a mocidade ata a madureza.



O debuxante comezou o seu traballo en decembro de 2019 e, segundo as súas propias palabras, quixo "humanizar o personaxe, de xeito que non sexa só un nome, senón un home, para os mozos que van acceder a el na celebración do Día das Letras Galegas. Un home que me distinguiu coa súa amizade, que tantas veces riu comigo e algunhas se emocionou recordando o noso Ferrol. Por iso este traballo está feito desde o afecto, a gratitude e a amizade".

O artista ten realizado outras series de caricaturas e retratos dedicados a Picasso, Valle Inclán ou Ramón Piñeiro. "Son", di Siro, "traballos de investigación que fago de cando en cando sobre as posibilidades do retrato e da caricatura para apreixar a personalidade do modelo cando este me interesa especialmente. No caso de Carvalho traballei só no eido da caricatura por ser máis atractiva para os rapaces".

Documentos relacionados

Caricatura nº1. Formato JPG. 493 KB

Caricatura nº2. Formato JPG. 387 KB

Caricatura nº3. Formato JPG. 485 KB

Caricatura nº4. Formato JPG. 1 MB

Caricatura nº5. Formato JPG. 584 KB

Caricatura nº6. Formato JPG. 584 KB

Caricatura nº7. Formato JPG. 935 KB

Caricatura nº8. Formato JPG. 1 MB

Caricatura nº9. Formato JPG. 2 MB

Caricatura nº10. Formato JPG. 1 MB

Caricatura nº11. Formato JPG. 1 MB

Caricatura nº12. Formato JPG. 861 KB

Caricatura nº13. Formato JPG. 4 MB


Enlace e Fonte
lingua.gal
Secretaría Xeral de Política Lingüística
Portal da Lingua galega

13 may 2020

MÁIS INICIATIVAS PARA TRABALLAR A CARVALHO CALERO




MÁIS INICIATIVAS PARA TRABALLAR A CARVALHO CALERO

Unidades didácticas sobre Carvalho Calero


A Associaçom Galega da Língua (AGAL), en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e a Deputación da Coruña, elaborou unha serie de unidades didácticas coa finalidade de divulgar a figura de Carvalho Calero entre a comunidade educativa, en especial entre o profesorado de galego e de portugués de todos os niveis do ensino público non universitario.

Son unidades coordinadas por Teresa Crisanta V. Pilhado e Eduardo Maragoto e diagramadas por Uxio Outeiro:

Á descuberta de Carvalho Calero, de Bernardo Penabade: un percorrido pola vida e a obra do autor, cunha detallada cronobiografía e diversas tarefas que teñen como obxectivo salientar o seu papel como planificador lingüístico e docente e presentarlle ao alumnado de bacharelato o modelo lingüístico que defendeu.

Scórpio, de Teresa Crisanta V. Pilhado: unha análise desta obra narrativa de Carvalho Calero, que salienta os trazos autobiográficos que aparecen nela e propón como tarefa final a creación dun novo capítulo co cal participar nun concurso con tres categorías (1.º e .º da ESO, 3.º e 4.º da ESO e 1.º e .º de bacharelato) que terán como premio a inscrición de dous anos a Através Editora, coa correspondente recepción dos libros desta editorial.

Un ollar feminista sobre Scórpio, de Susana Sánches Aríns: unha lectura desde unha perspectiva feminista desta obra que foi Premio de Narrativa en 1987; Susana Aríns analiza as mulleres que aparecen na novela e en que medida se corresponden coas da vida real na etapa histórica que esta reflicte.

Carvalho Calero e a literatura, de Marisa Moredo Leirado: un estudo do papel de Ricardo Carvalho Calero como estudoso da literatura galega, que se centra en especial na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea. Remata cunha interesante proposta para o alumnado da ESO: realizar unha entrada máis para esta magna obra que recolla os datos máis destacados da produción de Ricardo Carvalho Calero.

Carvalho Calero e a lingua, de Marisa Moredo Leirado: unha unidade que mostra a relevancia de Carvalho Calero como lingüista, desde a súa Gramática elemental del gallego común á proposta reintegracionista que defendeu na última etapa e que propón como tarefa final para o alumnado da ESO a elaboración dunha gramática reintegracionista, tomando como base o anexo que se lle fornece.

Carvalho Calero para o ensino primario, de Laura García Diaz: unha unidade que lle achega a vida, a obra e a proposta ortográfica de Carvalho Calero ao alumnado de educación infantil e primaria mediante unha serie de actividades lúdicas e interactivas en liña.



Documentos relacionados

Á descoberta de Carvalho Calero. Formato PDF. 3 MB

Carvalho Calero para o Ensino Primário. Formato PDF. 1 MB

Carvalho Calero e a língua. Formato PDF. 3 MB

Carvalho Calero e a língua - Anexos. Formato PDF. 745 KB

Carvalho Calero e a literatura. Formato PDF. 6 MB

Scórpio. Formato PDF. 1 MB

Leitura feminista de Scórpio. Formato PDF. 2 MB

Á descuberta de Carvalho Calero. Formato PDF. 3 MB

Scórpio. Formato PDF. 1 MB

Un ollar feminista sobre Scórpio. Formato PDF. 3 MB

Carvalho Calero e a literatura. Formato PDF. 6 MB

Carvalho Calero e a lingua. Formato PDF. 1 MB

Carvalho Calero e a lingua- Anexo. Formato PDF. 1009 KB

Carvalho Calero para o ensino primario. Formato PDF. 1 MB


Documentos relacionados


CARTEIS E GUÍAS DIDÁCTICAS


Carteis para Secundaria. Formato PDF. 44 MB

Guía didáctica para Secundaria. Formato PDF. 1 MB


ENLACE: https://www.lingua.gal/letras-galegas?content=/Portal-Lingua/Contido/recursos/letras-galegas/2020/contido_0009.html


FONTE:
lingua.gal
O PORTAL DA LINGUA

Secretaría XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA

12 may 2020

CARVALHO CALERO , PEDAGOGO


"Don Ricardo encargábase de todo no Colexio Fingoi, foi un gran pedagogo"

 

"Don Ricardo encargábase de todo no Colexio Fingoi, foi un gran pedagogo"

En 1950 abría as portas no barrio lugués de Fingoi o colexio co mesmo nome promovido por Antonio Fernández López. Xunto aos seus irmáns, foi o creador de empresas pioneiras na economía galega, como a química Zeltia (1939) ou Pescanova (1960), mais tamén filántropo comprometido co desenvolvemento cultural e social do país, que prestou un grande apoio para converter en realidade o Museo de Lugo, a Editorial Galaxia ou a Fundación Penzol. Por iso cando en plena posguerra apostou por crear un colexio mixto herdeiro do espírito da Institución Libre de Enseñanza non dubidou en contar con Ricardo Carballo Calero, quen aínda sufría as represalias do goberno franquista. A actual directora do centro, Asunción Fernández, lembra a pegada que o protagonista do Día das Letras Galegas 2020 deixou neste proxecto e a súa propia experiencia como alumna.



Asunción Fernández

Ricardo Carballo Calero dirixiu o Colexio Fingoi durante quince anos, ata que en 1965 a Universidade de Santiago de Compostela reclamou os seus servizos para asumir a docencia das primeiras aulas de lingua e literatura galegas no ensino universitario de Galicia.

Por que decidiu Antonio Fernández López crear o Colexio Fingoi?

Na casa eramos doce irmáns. Os seis primeiros foron á Escola de Barreiros (Sarria), pero ao chegar o momento de estudar o bacharelato tiñan que marchar para Lugo. Meu pai era unha persoa con moito sentido común e non comungaba co tipo de ensino que se impartía naqueles anos, tanto nas escolas relixiosas coma nas públicas, memorístico e sen conexión coa realidade próxima. Decidiuse a fundar o colexio animado polo profesor e amigo, José Cabanillas, que logo sería docente de matemáticas no centro. El dicíalle: "Se tes doce fillos, crea o teu propio colexio!". E así o fixo, e tivo claro que o faría inspirándose na Institución Libre de Enseñanza, coa que estivera en contacto cando estudara Enxeñaría de Camiños en Madrid. A súa propia irmá Concepción, que tamén fixo alí a carreira, pasara pola Residencia de Señoritas.

Fingoi foi dende o primeiro momento un centro mixto nun momento en que imperaba a educación segregada. Como foi posible?

Ata o curso 1956-1957 o colexio non conseguiu a homologación, de maneira que o alumnado tiña que examinarse por libre, e cando a acadou foi porque se logrou que fose recoñecido como un centro experimental, doutra maneira as autoridades nunca permitirían naqueles anos a apertura dun colexio mixto. Meu pai concibiu o colexio como un lugar para educar persoas libres e de maneira integral. Iamos á praza para traballar as matemáticas, tiñamos un horto, unha estación meteorolóxica, impartíanse clases de música tradicional e baile, faciamos excursións pola contorna e viaxes por toda España...

Por que pensou o seu pai en Ricardo Carballo Calero para a dirección do Colexio Fingoi?

Foi unha proposta dun amigo en común do meu pai e de don Ricardo, Álvaro Gil Varela, que coma José Cabanillas e o propio Carballo Calero fora represaliado tras a guerra civil. Pareceulle boa idea pola gran formación que tiña, era un grande erudito. Pero don Ricardo foi a persoa ideal para isto porque, á parte da gran sabedoría e formación que tiña, era un gran pedagogo.

Dende que saíra da cadea en liberdade provisional en 1941, Carballo Calero seguía a sufrir o veto da administración franquista e gañara a vida dando clases en academias privadas. Como o sorteou en Lugo?

Oficialmente non podía figurar como director, así que foi nomeado conselleiro delegado do padroado que se creou, no que participaban familias e persoeiros da cultura.

Ricardo Carballo Calero cos primeiros alumnos e alumnas de Fingoi. Fonte: Colexio Fingoi








De que se encargaba no centro?

De todo. Vivía no propio recinto escolar, nunha casiña –coa muller e as fillas– onde estaba pendente de todo dende que o colexio abría ás 8:30 ata que pechaba ás 20:30 horas. Non só daba case todas as clases de lingua e literatura, tamén estaba no comedor, nas horas de estudo...

Vostede mesma foi alumna del. Como o recorda?

As súas clases eran moi motivadoras. Non facía case nin falta coller apuntamentos, era realmente ameno, impartía aulas moi interactivas. No colexio nunca se empregaron libros de texto e con don Ricardo traballabamos directamente con obras literarias. Non se limitaba a falarnos da literatura, sempre relacionaba as obras con outras cuestións de historia, xeografía ou música. Gustáballe moito cantar e ensinábanos moitísimas cancións populares, galegas e doutras partes de España, segundo o tema que estivésemos a tratar en cada momento.

Lembra algunha canción en especial que lle aprendese ao alumnado?

"Quen me dera lobeira", que foi logo interpretada por Amancio Prada. Enchíase de emoción cando a cantabamos, choraba e todo, porque malia ser un home tremendamente serio tamén era moi sensible.

Naqueles anos non estaba permitida a docencia en galego. Como levaba ás aulas a lingua?

Introducía a lingua a través das obras literarias que liamos. Estudabamos autores coma Castelao, Rosalía ou Otero Pedrayo, e animábanos a escribir as nosas propias obras e a envialas a concursos cando pagaban algo a pena. Tamén representabamos obras de teatro en galego. Eu mesma participei na representación de "Pimpinela" (un dos lances d'Os vellos non deben de namorarse de Castelao), na Farsa das zocas (do propio Carballo Calero) ou na adaptación que fixo d'O círculo de xiz.

Alumnado de Fingoi representando a adaptación d'O círculo de xiz realizada por Ricardo Carballo Calero. Fonte: Colexio Fingoi



O teatro escolar é, de feito, unha das grandes achegas que se lle recoñecen da súa etapa en Fingoi.

El encargábase de todas as partes: montaba as obras, dirixíaas... Sabía aproveitar o teatro como gran recurso pedagóxico que é, como parte dunha educación integral. Dáballe, por exemplo, moita importancia a que aprendésemos a falar ben e o teatro é un medio moi bo para traballar esta destreza.

O colexio formou parte dun proxecto cultural máis amplo, o Centro de Estudos Fingoi, a través do cal Antonio Fernández concedeu bolsas de investigación, fundamentalmente no eido das humanidades. Naqueles anos en que Carballo Calero foi director, polo colexio pasaron grazas a estas axudas persoas novas que axiña destacarían na cultura galega.

Si, foi o caso de Arcadio López-Casanova, de Xosé Luís Méndez Ferrín ou de Bernardino Graña. Méndez Ferrín deu clases dous anos en Fingoi e desa época é O cancioneiro de Pero Meogo (1966); e Bernardino Graña axudou a don Ricardo na edición dos Contos populares da provincia de Lugo (1963). Meu pai creara en 1939 a granxa de Barreiros, unha explotación agrícola innovadora que en 1948 se completou coa escola agrícola. O seu primeiro mestre foi Avelino Pousa Antelo. Entre outras iniciativas, acubillou uns cursos nos que participaban mestres de toda a provincia de Lugo que recollían, xunto co seu alumnado, contos, cancións e outros materiais etnográficos. Baixo a dirección de Ricardo Carballo Calero, Bernardino Graña foi o encargado de escolmar e ordenar eses relatos, publicados naquel volume, que acaba de ser reeditado por Galaxia.

FONTE R-A-G
academia.gal

7 may 2020

UNHA PALABRA PARA DON RICARDO



A Academia difunde cada día do mes das Letras a serie de microespazos audiovisuais 'Unha palabra para don Ricardo'

A Academia difunde cada día do mes das Letras a serie de microespazos audiovisuais 'Unha palabra para don Ricardo'

A Real Academia Galega programa para o mes de maio a serie 'Unha palabra para don Ricardo', un conxunto de minipezas audiovisuais arredor da figura de Ricardo Carballo Calero que conforman un retrato colectivo do protagonista do Día das Letras Galegas 2020. Os microespazos poderán verse a través da web e das redes sociais da institución e tamén serán difundidas pola CRTVG.

Fonte R.A.G.
academia.gal