23 oct 2020

 

A obra Don Ricardo de Fingoi dá conta do legado intelectual e persoal de Carvalho Calero en Lugo

O secretario xeral de Política Lingüística e o delegado territorial da Xunta participaron na presentación do libro que complementa a exposición itinerante e o web homónimos, impulsados polo Colectivo Egeria co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

Os anos lucenses e o seu paso polo Colexio Fingoi considéranse decisivos na traxectoria profesional, persoal e intelectual do autor homenaxeado polas Letras Galegas

Lugo, 22 de outubro de 2020.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixeron hoxe a presentación pública do libro Carvalho Calero en Lugo. Don Ricardo de Fingoi, que complementa a exposición itinerante e o web homónimos sobre a figura deste intelectual que impulsa o Colectivo Egeria co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco da programación conmemorativa das Letras Galegas 2020 da Xunta de Galicia,

A obra Carvalho Calero en Lugo. Don Ricardo de Fingoi dá conta do importante legado intelectual e persoal que deixou Ricardo Carvalho Calero durante os seus 15 anos de estancia en Lugo e o seu paso polo Colexio Fingoi se consideran decisivos na traxectoria profesional, persoal e intelectual do autor homenaxeado este 17 de maio pola Real Academia Galega (RAG).

García Gómez salientou que “Carvalho Calero foi profesor e director dun colexio que destacou pola súa innovación pedagóxica e polo compromiso firme coa lingua e coa cultura galegas”. Ademais dos representantes da Xunta, tamén participaron no acto Magalí Carballo Ramos, filla do autor homenaxeado; Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria e Asunción Fernández (Siña), directora do Colexio Fingoi,

A presentación, celebrada na Biblioteca Pública de Lugo, enmárcase na semana cultural que o colectivo Egeria e a Xunta de Galicia dedican en Lugo a través do proxecto Don Ricardo de Fingoi, que vén desenvolvendo desde xaneiro deste ano a asociación cultural co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. No decurso do acto, rendéuselle tamén homenaxe á profesora Araceli Herrero Figueroa, unha das maiores especialistas no autor, falecida en xuño deste ano.

Carvalho Calero na voz do seu alumnado

O libro Carvalho Calero en Lugo. Don Ricardo de Fingoi, que ademais de co patrocinio da Xunta de Galicia conta coas colaboracións da RAG e do Colexio de Fingoi, réndelle homenaxe ao autor desde os testemuños, entroutros, de quen foron os seus alumnos e alumnas e reflite as súas pegadas na cidade de Lugo, na que o autor viviu tres lustros (de 1950 a 1965) e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.

Participan na edición Marisol Truque, Angelines Penas, Rosa Canto, Asunción Fernández, Marcos Fernández, Rosendo Figueroa, Mª Ángeles Rico, Mª Luz Corredoira, Araceli Herrero, María José Pardo-Gil, Emilio Valiño, Mª Carmen Fernández, Adela Figueroa, Francisco García-Bobadilla, Xosefina Baamonde, Fernando Pardo, Luis Abeledo, Bernardino Pardo, Mª Carmen Herrero, Gloria Baamonde, Juan Carlos Teijeiro, Fernando López-Acuña, Antonio López-Acuña, Carmela Dadín, Mª Dolores Fernández, Ramón Courtier, Maricruz Truque, Carmen Blanco, Jacobo Sández, Bernardo Abeledo, Pepa Carro, Marina Cal, Carlos Fernández, Manuel Sández e Xulio Xiz.

O proxecto homónimo inclúe, ademais deste libro, un web e unha exposición itinerante, ademais dun folleto que reflicte integramente os trece paneis da exposición. Todos os materiais poden consultarse e descargarse nos portais web www.carballocaleroenlugo.org e https://colectivoegeria.org/portfolio/don-ricardo-de-fingoi-carballo-calero-en-lugo.


FONTE: LINGUA.GAL

No hay comentarios:

Publicar un comentario