A
nosa lingua, que provén do latín, é moi rica e, ás veces, sorprendente. Todas
as súas palabras cambiaron, aínda que unhas máis ca outras, porque detrás
dalgunhas hai unha orixe ou un significado inesperado. Por exemplo, a que non
sabiades que traballar viña de tripalium, que era un instrumento de
tortura?
Imos contar a curiosa historia dalgunhas
destas.
Sabedes
como se lle chama ó signo &? Chámaselle ampersán.
Probablemente o seu nome teña a siguinte explicación: houbo un tempo en que no
alfabeto inglés aparecía en último lugar e decíase and per se and (e o que per se xa significa and), porque ese era
o significado que tiña no latín. Parece ser un dos inventados por Tirón, un
liberto de Cicerón, para indicar taquigráficamente a conxunción et (e)
e logo foi moi usado en textos latinos.
Como
ampersán, tocaio vén da unión de dúas palabras, probablemente dunha expresión
empregada nun momento do ritual das vodas romanas, cando o noivo despois de ser
convertido en esposo, lle pregunta o seu nome á noiva e ela responde: “Ubi tu Caius, ego Caia” (onde ti Caio, eu Caia). De aí o
significado da palabra de persoa que ten o mesmo nome ca outra. Por certo, a
frase latina quere dicir que a muller queda sometida ó home. Moi propio da
sociedade machista romana…
Pepe,
o avó de Silvia, quedouse sorprendido cando lle contamos a orixe do seu nome.
“¿Vén de Pater Putativus?, a última palabra non soa moi ben…”. Así lle chamaban
a un famoso pai, que non era tal, só tiña o título, por así dicir: Xosé, o pai
putativo de Xesús. Pois das iniciais coas que se lle identificaba nas imaxes
medievais, vén PePe para referirse ós “Xosés”.
É
fácil deducir que un bienio é un período de dous anos ou un trienio, de tres;
pero deducir que un LUSTRO é un periodo de cinco é imposible, se non se sabe
que vén da palabra lustrum, que era
unha ceremonia de purificación que cada cinco anos se facía en Roma no Campo de
Marte para purificar á poboación, reunida alí para face-lo censo.
Que
fermosa é a palabra bolboreta! . No latín empregaban unha palabra máis fea, papilio. Menos mal que se perdeu para
nomear o animal! E quedou para designar algo que se lle parece: unha gran
tenda, na que a tea se move como as ás da bolboreta, daí vén PAVILLÓN.
Que
diñeiro vén do nome dunha moeda romana, o denario, non nos sorprende pero a o
orixe de soldo, relacionada con soldado non por casualidade, sí. Veredes, no
século IV d.C. os soldados romanos tiñan tal peso que chegaban a poñer e
deponer emperadores. Por iso se permitían o luxo de esixir o seu salario nunha
moeda de ouro, o solidus, porque o
denario de prata, do que falamos antes, estaba moi devaluado. Os que cobraban
en solidi eran os solidati (>soldados).
Dúas
palabras relacionadas e case por casualidade son Coliseo e colosal. O Coliseo
é, como todos sabedes, o anfiteatro Flavio,
a foto típica de calquera folleto turístico de Roma. E colosal vén do
Coloso de Rodas, aquela estatua que era tan grande que fixo que colosal acabara
significando o mesmo, moi grande. E, que ten que ver co anfiteatro Flavio?
Poidera ser que tamén o anfiteatro era moi grande pero non, a única razón é que
preto había unha estatua colosal de Nerón.
E
por hoxe, chegamos á META, que como todos sabedes é o límite ou obxectivo que se desexa acadar. A
palabra vén, como non, do latín, de metam (meta, metae), que era na antiga
Roma cada unha das dúas construcións en
forma de cono, situadas en cada extremo da espina
central da arena. Nunha delas acababa
rematando a carreira de carros que tanto agradaba ós romanos (panem et circenses, que dicían eles). A
forma cónica fai que a mesma palabra na lingua patrimonial dé meda, que é unha construcción cónica que
se fai na eira cos monllos de cereal para despois mallalos. Bueno, esta é a
definición que trae o Xerais, pero nós cambiaríamos fai por facía, porque
facer, o que se di facer, só se fai nas festas da malla.
Alumnas de Latín de 4º ESO-B
No hay comentarios:
Publicar un comentario