26 abr 2022

MOSTRA, NAIS E PAÍS TAMÉN CONTAN

 

EDLG IES XOÁN MONTES
LUGO




MOSTRA, NAIS E PAIS TAMÉN CONTAN


CONTAN, BEN QUE CONTAN!!!!

Para mostra, un boton.

Gocen da lectura deste fermoso relato!!!

O BURRO E AS TEIPAS

 

Fai moito, moito tempo, cando os animais todavía falaban, había un burro labrego que tiña unha horta encantada na que medraban colleitas en abundancia. Por desgraza, era tal a súa sona que axiña atraeu o interese das teipas de media bisbarra, fartas de comer miñocas. Daquela as follas das patacas e das berzas comezaron a esmorecer; os repolos e mailas leitugas non pasaban da noite; as fabas, aínda nos paus, aparecían abertas e baleiras; e ata os allos, as cebolas, nabos e cenouras desaparecían terra abaixo deixando no seu canto moreas e moreas de teipoeiras.

O burro, que nunca imaxinara semellante cataclismo, orneaba espantado e facía canto podía por botar fóra aquela praga, empezando por ser educado:

—Por favor, marchade de aquí xa… De aquí xa… De aquí xa… De aquí xa…

Pero as teipas non lle fixeron caso, así que probou con argumentos, ameazas e xuramentos que, por suposto, fracasaron. Deseguido estivo un tempo ben quietiño diante dunha teipoeira, cun sacho en alto, agardando por algunha teipa ata que esgotou a paciencia e toleou, esmagando e espallando os restos da colleita. Despois mesmo tirou de petardos, trampas e mangueiras de auga que só serviron para empeora-la desfeita.

—Sementa diñeiro e perderás menos cartos, faime caso —berróulle don Raposo un día que pasaba pola beira do camiño.

—Si, ho! Para que veñas roubalo ti pola noite… Pensas que son parvo? —respostou o burro, pero calou a medio orneo, razonou e rematou nun murmurio—: De acordo, grazas polo consello.

O burro anicóuse na terra e chamou polas teipas para pedir unha tregua. Daquela a máis valente asomou a punta do fuciño por un burato seguro e preguntou:

—Que queres agora?

—Facer un trato. Marchade da miña horta e dareivos mancheas de cartos.

—Cartos? —dixo a teipa con abraio—. Para que queremos cartos?

—Nos non comemos cartos —engadiu outra que asomara media cabeza por un tobo máis afastado.

—Os ratos comen cartos —aclarou a primeira.

—Nos non somos ratos!!! Non somos ratos!!! Non somos ratos!!! —berraron outras moitas, todas a unha, agochadas polos recunchos da horta.

—Non queremos diñeiro, xa temos comida —sentenciou a teipa atrevida.

O burro ergueu as orellas, bufou coma un gato e cabeceou contrariado. Estaba afeito a traballar, pero non a pasar traballos negociando con outros.

—Xa podiades axudar un pouco, xa… Si, xa… Si, xa… Si, xa…

—Viñemos para quedar e temos fame. Que lle queres?

—Traballade, arredemo!!! —dixo o burro sen pensalo, pero logo deu en cavilar—: E se vos ofrezo comida a cambio de traballo?

—Madía leva, nos non somos preguiceiras. Cal é o trato?

—Pois mirade… Se removedes a terra por debaixo, eu fago os regos por enriba. Logo botarei a horta e vos arrincarede-las malas herbas no seu tempo. De seguro que todos saímos gañando.

—Pero que hai da comida?!!! Que hai da comida?!!! Que hai da comida?!!! —volveron berrar tódalas teipas.

—Pois… —O burro botou contas—. Mirade, a metade da colleita paréceme xusto. Que dicides? Hai trato?

As teipas calaron, sorriron e fuxiron en tropel cara ao seu tobo soterrado no centro da horta. Logo o burro escoitou o rumor dun debate breve e democrático que acabou en aplausos. Aínda non rematara cando a teipa atrevida xa estaba de volta:

—Unha cousiña, que garantía temos?

—Palabra de burro e non de raposo! —respondeu o burro case que ofendido—. Non é dabondo?!

—De acordo, de acordo. Cando empezamos?

—Pois xa… Pois xa… Pois xa… Para que perde-lo tempo? Arranxemos esta desfeita canto antes.

E así fixeron, con tanto xeito e de tal maneira que en menos dunha semana xa tiñan outra colleita, as teipas a vida resolta e o burro tempo libre para cumplir un dos seus soños de sempre: escribir catro contos e algún verso de vez en cando.

 

FIN

R. L. Expósito.


No hay comentarios:

Publicar un comentario