20 abr 2022

MÁIS SOBRE FLORENCIO DELGADO....

 

2022 - Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán nace en Córgomo, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras, o 27 de agosto de 1903, no seo dunha familia acomodada. Sexto dos fillos do matrimonio, foi poeta, editor, corrector e tradutor, escribiu artigos de prensa e traballos de léxico. Foi tamén un extraordinario activista político e cultural, un dos principais intermediarios entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior e ponte de unión coa intelectualidade doutras orixes.

Os seus primeiros anos transcorren na casa familiar da aldea, na bocarribeira do Sil; unha paisaxe de terras de labor consagradas desde antigo ao cultivo das videiras, que vai ter unha presenza constante nos seus versos.

Aos seis anos marcha a Ourense e aos 10 a Palencia, onde estuda o bacharelato; son traslados forzosos, motivados polo traballo do seu pai, enxeñeiro agrónomo. En Valladolid cursa a carreira de Dereito. Daquela coñece o xornal A Nosa Terra e descobre que non é “un Robinsón do galeguismo”. Anteriormente lera a Rosalía, Curros e Cabanillas na biblioteca da casa corgomesa, lecturas que espertarían a súa vocación poética.

En 1928, cando o seu pai se asenta na Coruña, el retorna a Valdeorras e prepara as oposicións para rexistrador. Traballa nun bufete do Barco de Valdeorras, organiza festas e promove actividades culturais.

Nesa época comeza a publicar os primeiros versos en xornais e revistas como Heraldo de Galicia e A Nosa Terra. En 1934 sae do prelo o seu primeiro poemario, Bebedeira, unha obra de exaltación da terra natal próxima ao hilozoísmo de Amado Carballo, moi ben acollida pola crítica.

O seu compromiso con Galicia fai que se achegue aos labores en prol da lingua como membro das Irmandades da Fala, sexa socio protector do Seminario de Estudos Galegos e en 1933 ingrese no Partido Galeguista. Neste tempo relaciónase con Castelao, Alexandre Bóveda e Otero Pedrayo e con eles participa na campaña a prol do Estatuto de autonomía.

En 1936, co comezo da Guerra Civil, ten que marchar a Portugal e desde alí a Francia. Dous anos despois trasládase á Barcelona republicana; noméano secretario de propaganda do Partido Galeguista, publica poesía de combate e xestiona a saída de guerrilleiros por Portugal. En 1939, xa desde Francia, organiza a evacuación dos refuxiados a América e parte no buque Ipanema canda 997 exiliados máis, con destino a Veracruz.

En México participa activamente na vida cultural dos galegos emigrados e funda, con Illa Couto e Carlos Velo, a revista Saudade. En 1943, colabora no libro Cancioneiro da loita galega cunha serie de poemas asinados co pseudónimo de Nadel. Participa tamén na obra Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949) con traducións do francés de Rimbaud, Mallarmé, Valéri e outros.

Nos anos cincuenta foi o promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953) e editou, con Carlos Velo e Luis Soto, Vieiros, a revista máis importante do exilio galego. En 1963, publica o libro Galicia Infinda, no que inclúe unha serie de poemas con temática mexicana.

En 1968, despois de 32 anos, volve a Valdeorras. Regresa outra vez en 1976, con Celia, a súa muller, e, xa por último, en 1981. Desta vez, toma posesión como Membro de Mérito do Instituto de Estudos Valdeorreses e é recoñecido como membro correspondente da Real Academia Galega. Tamén neste mesmo ano aparece Cantarenas, que recolle poemas xa editados en Bebedeira e Galicia infinda a canda outros de recente creación dedicados ao viño. En 1986, publica O soño do guieiro, un libro en homenaxe a Castelao no que destacan os seus poemas de loita e compromiso.

O día 14 de maio de 1987, aos 84 anos, morre en Fair Oaks (California) na casa dunha das súas fillas. As súas cinzas repousan no cemiterio de Córgomo, á vista da súa amada Valdeorras, a onde sempre quixo volver.

En 2021, a Real Academia Galega acorda dedicarlle o Día das Letras Galegas 2022. A través da súa figura tamén se homenaxea, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México.

No hay comentarios:

Publicar un comentario