O número de documentos conservados na
Real Academia Galega dispoñibles en versión dixital a través de Galiciana segue
a medrar. O Arquivo da institución ofrece no Arquivo Dixital de Galicia (https://arquivo.galiciana.gal) os retratos que conserva de Rosalía de Castro
(1837-1885), escritora fundacional das nosas letras contemporáneas da que se
celebrará o vindeiro 24 de febreiro o 181 aniversario do seu nacemento.
A maioría dos documentos incorporados son fotografías
da autora en distintos momentos da súa vida, entre elas a realizada polo
estudio coruñés de Sellier convertida nunha das imaxes máis coñecidas de
Rosalía de Castro, na que aparece cun chapeu de plumas. O mesmo
retrato, feito nos primeiros anos de década de 1880, pode verse nunha copia en
forma de óvalo e noutra reprodución sobre o debuxo dunha
tea.
Rosalía sendo aínda unha moza,
no ano 1855, fotografada por Mr. Encausse et Cie -con estudio na rúa do Vilar
de Santiago de Compostela-, un retrato realizado entre 1865 e 1875 ou a
fotografía na que a escritora posa coa familia no exterior Casa da Matanza en xullo de 1884 son tamén parte das imaxes que
incrementan desde hoxe os documentos da RAG dixitalizados dispoñibles a través
de Galiciana.
A fotografía do retrato pintado por Ricardo Camino e unha tarxeta publicitaria de Ceregumil con
debuxo e biografía de Rosalía datada entre 1910 e 1920 completan a relación de
documentos.
Fonte, R.A.G
No hay comentarios:
Publicar un comentario