18 mar 2022

DÍA DA POESÍA

 

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

 

DIA DA POESIA, 21 DE MARZO

 



foto, qq




A POESÍA É O GRAN MILAGRE DO MUNDO




Insinareiche sin berros.

O poeta é un mestre sin ira.

Levareite ó meu reino,

onde te agarda

a bandeira da espranza.

Non che amostraréi aquéla

triste, abatida sobre o mastro,

solitaria baixo unha chuvia cincenta.

Estóu arrepentido de pensar

que o máis brosmo e brután dos homes

non poida descalzarse

pra entrar no noso reino.

              

 (¡A poesía é o gran milagre do mundo!)



Eu faréi que olles a través das túas maos toscas

a luz da túa sangre.

Puliremos a túa frente de seixo

hasta case facela lúa.

Non che faréi erguer pesadas pedras,

nin subir o monte máis alto

onde cravada está

a bandeira do meu verso,

nin soster cos teus hombros as noites.

Todo esto xa o ten feito o poeta

por ti, pra ti e máis pra o mundo.

Eu asegúroche que quedarás enviso

fitando prás estrelas.

O xoto palpexar das túas maos

chegará a conocer as rosas invisibles na noite.

Sentirás o borboriño da propia sangre

i o silencio que todos levamos

cando digas:

os seos da miña amada…

Quedarás deslumbrado pola súa luz,

baixo da sombra verde no bosque.



                    (¡A poesía é o gran milagre do mundo!)



Faremos música do teu vocerío.

Eiquí estamos coa túa lingoaxe vulgar.

Nomearás calquera cousa

–árbol, cabalo, pedra…–

e veralos nacer coa súa vida máis íntima,

cos seus contornos máis puros.

Olla esa formiga,

ise argueiro mouro…

¿Qué delicados dedos de alfareiro

puideron modelar tan pequechiño corazón,

que latexa agora baixo dos altos árboles?

¿Non te decatas de que se movéu o silencio?

É esa noitarega

que nesgóu o bosque:

doces, xordas plumas,

abanador da noite.

                                                                   



 LUÍS PIMENTEL, Sombra do aire na herba, 1959.





Fonte: https://sites.google.com/site/luispimentelpoemas/

 

 

 

 

 

 


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario