19 feb 2019

DÍA DA POESÍA, DÍA DE ROSALÍA...TANTO MONTA...MONTA TANTO

O DÍA 21 DÍA DA POESÍA...

...O DÍA 24 DÍA DE ROSALÍA


CELEBRAMOS A POESÍA COMO FORMA DE EXPRESAR AS REALIDADES...
COMO FORMA DE LOITA, DE REIVINDICACIÓN DE DEREITOS...
COMO FORMA DE PLACER ESTÉTICO E DEBER ÉTICO...

IMOS ALÓ...¡¡¡¡¡¡


A POESÍA É O GRAN MILAGRE DO MUNDO

Insinareiche sin berros.
O poeta é un mestre sin ira.
Levareite ó meu reino,
onde te agarda
a bandeira da espranza.

Non che amostraréi aquéla
triste, abatida sobre o mastro,
solitaria baixo unha chuvia cincenta.
Estóu arrepentido de pensar
que o máis brosmo e brután dos homes
non poida descalzarse
pra entrar no noso reino.
               (¡A poesía é o gran milagre do mundo!)

Eu faréi que olles a través das túas maos toscas
a luz da túa sangre.
Puliremos a túa frente de seixo
hasta case facela lúa.
Non che faréi erguer pesadas pedras,
nin subir o monte máis alto
onde cravada está
a bandeira do meu verso,
nin soster cos teus hombros as noites.
Todo esto xa o ten feito o poeta
por ti, pra ti e máis pra o mundo.
Eu asegúroche que quedarás enviso
fitando prás estrelas.
O xoto palpexar das túas maos
chegará a conocer as rosas invisibles na noite.
Sentirás o borboriño da propia sangre
i o silencio que todos levamos
cando digas:
os seos da miña amada…
Quedarás deslumbrado pola súa luz,
baixo da sombra verde no bosque.

                   (¡A poesía é o gran milagre do mundo!)
Faremos música do teu vocerío.
Eiquí estamos coa túa lingoaxe vulgar.
Nomearás calquera cousa
–árbol, cabalo, pedra…–
e veralos nacer coa súa vida máis íntima,
cos seus contornos máis puros.
Olla esa formiga,
ise argueiro mouro…
¿Qué delicados dedos de alfareiro
puideron modelar tan pequechiño corazón,
que latexa agora baixo dos altos árboles?
¿Non te decatas de que se movéu o silencio?
É esa noitarega
que nesgóu o bosque:
doces, xordas plumas,
abanador da noite.
Luís Pimentel, Sombra do aire na herba
                                                      



      A ROSALÍA

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan soia
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!
A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu…
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!
      
Manuel Curros Enríquez (1992) Poesía galega completa. Vigo. Galaxia. 


CASTELLANOS DE CASTILLA

Castellanos de Castilla,
tratade ben ós galegos;
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros.
Cando foi, iba sorrindo,
cando ven, viña morrendo;
a luciña dos meus ollos,
o amantiño do meu peito
Aquel máis que neve branco,
aquel de dozuras cheo,
aquel por quen eu vivía
e sen quen vivir non quero.
Foi a Castilla por pan
e saramagos lle deron;
déronlle fel por bebida.
peniñas por alimento.
Déronlle, en fin, canto amargo
ten a vida no seu seo…
¡Casteláns, casteláns,
tendes corazón de fero!
¡Ai!, no meu corazonciño
xa non pode haber contento,
que está de dolor ferido,
que está de loito cuberto.
Morreu aquel que eu quería
e para min non hai consolo:
so hai para min, Castilla,
a mala lei que che teño.
Permita Deus, casteláns,
casteláns que aborrezo,
que antes os galegos morran
que ir a pedirvos sustento.
Pois tan mal corazón tendes,
secos fillos do deserto,
que se amargo pan vos gañan,
dádesllo envolto en venero.
Aló van, malpocadiños,
todos de esperanzas cheos,
e volven, ¡ai!, sen ventura
cun caudal de desprezos.
Van probes e tornan probes,
van sans e tornan enfermos,
que anque eles son como rosas,
tratádelos como negros.
¡Casteláns de Castela,
tendes corazón de aceiro,
alma coma as penas dura,
e sen entrañas o peito!
En tros de palla sentados,
sen fundamentos, soberbios,
pensas que os nosos filliños
para servirvos naceron.
E nunca tan torpe idea,
tan criminal pensamento
coubo en máis fatuas cabezas
ni en máis fatuos sentimentos.
Que Castela e Casteláns,
todos nun montón, a eito,
non valen o que unha herbiña
destes nosos campos frescos.
Só pezoñosas charcas
detidas no ardente solo
tes, Castela, que humedezan
eses teus labios sedentos.
Que o mar deixoute esquecida
e lonxe de ti correron
as brandas augas que traen
de plantas sen sementeiros.
Nin árbores que dean sombra,
nin sombra que preste alento…
Chaira e sempre chaira,
deserto e sempre deserto…
Esto che tocou, coitada,
por herdanza no universo,
¡miserable fanfurriñeira!,
triste herdanza foi por certo.
En verdade non hai, Castela,
nada coma ti tan feo,
que aínda mellor que Castela
valera dicir inferno.
¿Por que aló fuches, meu ben?
¡Nunca tal houberas feito!
¡Trocar campiños floridos
por tristes campos sen rego!
¡Trocar tan claras fontiñas,
ríos tan murmuradores
por seco polbo que nunca
mollan as bágoas do ceo!
Mais, ¡ai!, de onda min te fuches
sen dó do meu sentimento,
e aló a vida che quitaron ,
aló a mortiña che deron.
Morriches, meu queridiño,
e para min non hai consolo,
que onde antes te vía, agora,
xa solo unta tomba vexo.
Triste como a mesma noite,
farto de dolor o peito,
pídolle a Deus que me mate,
porque xa vivir non quero.
Mais en tanto non me mata,
casteláns que aborrezo,
hei, para vergonza,
heivos de cantar xemendo:
¡Casteláns de Castela,
tratade ben ós galegos:
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros!

ROSALÍA DE CASTRO

No hay comentarios:

Publicar un comentario