EDLG XOÁN MONTES
MOSTRA DE CONTOS, "NAIS E PAÍS TAMÉN CONTAN", DO 10 AO 14
DE MAIO
E ben que contan, un exemplo, UN
PAI….!!!!
MORRIÑA
A nai de
Sabela dicía da sua filla que nacera para ser cosmonauta, que xa de
pequena amosaba interese polo Universo e aprendía máis axiña do que medraba.
Tamén dicía que durmía no faiado porque tódalas noites contaba estrelas pola
fiestra do tellado, metida na cama ata prender no sono, como se puidera velas e
sentilas de memoria mesmo que houbera nubes ou chovera. Daquela soñaba que
voaba polo ceo para colleitalas unha por unha coma froitos de orballo e
cristal. Despois, ó se erguer pola mañá, o primeiro que facía era prometer que
algún día sería quen de acadalas.
Se cadra
aquela nai esaxeraba, malia que tampouco lle faltaba razón.
De feito, co tempo, Sabela puido viaxar a Marte para facelo habitable, logo
viviu nas colonias da Lúa, e agora traballaba arreo no laboratorio de
inxeniería botánica avanzada, na Estación Orbital Naciones Unidas.
Nembargantes,
facía moito que Sabela deixara de soñar coas estrelas. Cando
tiña que durmir, no canto de contalas, miraba a través da pequena xanela do seu
cubículo e buscaba na lonxana superficie da Terra os contornos do seu lar, a
derradeira pinga verde dun planeta case que desértico. Nun día despexado non
tiña problemas para atopalos; de noite era quen de distinguir cadanseu punto de
luz cos ollos pechados, fose cidade, pobo ou aldea; e se había nubes, tamén
podía ver e sentir de memoria a sua terra. Despois, o primeiro que facía cando
espertaba era prometer que arranxarían o mundo e algún día voltaría ó seu fogar
porque Sabela nacera para ser, sobre todo, galega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario