CONTAN, BEN QUE CONTAN!!!!
Para mostra, un boton.
O BURRO
E AS TEIPAS
Fai
moito, moito tempo, cando os animais todavía falaban, había un
burro labrego que tiña unha horta encantada na que medraban colleitas en
abundancia. Por desgraza, era tal a súa sona que axiña atraeu o interese das
teipas de media bisbarra, fartas de comer miñocas. Daquela as follas das
patacas e das berzas comezaron a esmorecer; os repolos e mailas leitugas non
pasaban da noite; as fabas, aínda nos paus, aparecían abertas e baleiras; e ata
os allos, as cebolas, nabos e cenouras desaparecían terra abaixo deixando no
seu canto moreas e moreas de teipoeiras.
O
burro, que nunca imaxinara semellante cataclismo, orneaba espantado e facía
canto podía por botar fóra aquela praga, empezando por ser educado:
—Por
favor, marchade de aquí xa… De aquí xa… De aquí xa… De aquí xa…
Pero as
teipas non lle fixeron caso, así que probou con argumentos, ameazas e
xuramentos que, por suposto, fracasaron. Deseguido estivo un tempo ben quietiño
diante dunha teipoeira, cun sacho en alto, agardando por algunha teipa ata que
esgotou a paciencia e toleou, esmagando e espallando os restos da colleita.
Despois mesmo tirou de petardos, trampas e mangueiras de auga que só serviron
para empeora-la desfeita.
—Sementa
diñeiro
e perderás menos cartos, faime caso —berróulle don Raposo un día que pasaba
pola beira do camiño.
—Si,
ho! Para que veñas roubalo ti pola noite… Pensas que son
parvo? —respostou o burro, pero calou a medio orneo, razonou e rematou nun
murmurio—: De acordo, grazas polo consello.
O burro
anicóuse
na terra e chamou polas teipas para pedir unha tregua. Daquela a máis valente
asomou a punta do fuciño por un burato seguro e preguntou:
—Que
queres agora?
—Facer
un trato. Marchade da miña horta e dareivos mancheas de cartos.
—Cartos?
—dixo a teipa con abraio—. Para que queremos cartos?
—Nos
non comemos cartos —engadiu outra que asomara media cabeza por un tobo máis
afastado.
—Os
ratos comen cartos —aclarou a primeira.
—Nos
non somos ratos!!! Non somos ratos!!! Non somos ratos!!! —berraron outras moitas,
todas a unha, agochadas polos recunchos da horta.
—Non
queremos diñeiro, xa temos comida —sentenciou a teipa atrevida.
O burro
ergueu as orellas, bufou coma un gato e cabeceou contrariado. Estaba afeito a
traballar, pero non a pasar traballos negociando con outros.
—Xa
podiades axudar un pouco, xa… Si, xa… Si, xa… Si, xa…
—Viñemos
para quedar e temos fame. Que lle queres?
—Traballade,
arredemo!!! —dixo o burro sen pensalo, pero logo deu en cavilar—: E se vos
ofrezo comida a cambio de traballo?
—Madía leva,
nos non somos preguiceiras. Cal é o trato?
—Pois
mirade…
Se removedes a terra por debaixo, eu fago os regos por enriba. Logo botarei a
horta e vos arrincarede-las malas herbas no seu tempo. De seguro que todos
saímos gañando.
—Pero
que hai da comida?!!! Que hai da comida?!!! Que hai da comida?!!! —volveron
berrar tódalas
teipas.
—Pois…
—O burro botou contas—. Mirade, a metade da colleita paréceme xusto. Que
dicides? Hai trato?
As
teipas calaron, sorriron e fuxiron en tropel cara ao seu tobo soterrado no
centro da horta. Logo o burro escoitou o rumor dun debate breve e democrático
que acabou en aplausos. Aínda non rematara cando a teipa atrevida xa estaba de
volta:
—Unha
cousiña,
que garantía temos?
—Palabra
de burro e non de raposo! —respondeu o burro case que ofendido—. Non é
dabondo?!
—De
acordo, de acordo. Cando empezamos?
—Pois
xa…
Pois xa… Pois xa… Para que perde-lo tempo? Arranxemos esta desfeita canto
antes.
E así
fixeron, con tanto xeito e de tal maneira que en menos dunha semana xa tiñan
outra colleita, as teipas a vida resolta e o burro tempo libre para cumplir un
dos seus soños de sempre: escribir catro contos e algún verso de vez en cando.
FIN
R. L. Expósito.
No hay comentarios:
Publicar un comentario