A Academia celebra o Día das Letras Galegas na Rede con propostas para todas as idades
A pandemia da COVID-19 obrigou a adiar o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, que terá lugar en Ferrol o 31 de outubro cadrando co 110 aniversario do seu protagonista, pero a celebración arredor do 17 de maio proxéctase con forza ao espazo virtual. A Real Academia Galega está a ofrecer contidos diversos a través da Rede pensados para achegar de xeito ameno a figura e a obra do homenaxeado ao público de todas as idades. Os pequenos e pequenas da casa dispoñen de propostas lúdicas e didácticas na web primaveradasletras.gal, un espazo para a comunidade de infantil e primaria que dende comezos do mes de maio bate récords, duplicando o número de páxinas vistas e cun incremento por riba do 185% no número de usuarios. A RAG está, ademais, a debuxar cada día un retrato colectivo do autor a través da serie de microespazos audiovisuais Unha palabra para don Ricardo, un produto feito dende o confinamento que se suma a outros como a serie de entrevistas dixitais que a institución está a publicar na sección que lle dedica a Carvalho Calero nesta páxina web. Nesta mesma fiestra dixital, o académico Henrique Monteagudo asina a biografía do homenaxeado que percorre os principais momentos e títulos da súa traxectoria.
FONTE: R.A.G.
ENLACE: academia.gal
No hay comentarios:
Publicar un comentario