A biblioteca da Real Academia Galega estrea micrositio en
Galiciana
A Real Academia Galega reforza a súa presenza en Galiciana -
Biblioteca Dixital de Galicia cun novo micrositio que facilita o acceso a máis
de 800 libros e folletos do século XIX. As obras dixitalizadas suman máis de
120.000 páxinas entre as que se atopan títulos de grandes figuras das letras
galegas. O espazo permite un acceso máis sinxelo a edicións históricas de
Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Eduardo Pondal, autores esenciais do
Rexurdimento, e a libros destacados de autores e autoras que crearon en
castelán como Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán ou Sofía Casanova.
En pleno confinamento, a biblioteca da Real Academia Galega
convida o público a celebrar hoxe o Día do Libro descubrindo esta fiestra
virtual, unha vía de entrada directa dende calquera lugar do mundo a parte do
patrimonio que custodia na súa sede da rúa Tabernas da Coruña, nestes momentos
pechada por mor da pandemia de coronavirus. O novo espazo visibiliza a
identidade propia deste referente bibliográfico fundamental para calquera
persoa interesada na cultura e na lingua galegas e convida a navegar polos seus
andeis dixitais a través de listaxes por orde alfabética de autores e títulos.
Cantares gallegos, A mi madre, El caballero de las botas
azules o En las orillas del Sar son algúns dos títulos de Rosalía de Castro,
autora fundacional das letras galegas contemporáneas, dispoñibles en copia
dixital xunto aos Aires d'a miña terra de Curros Enríquez, o Catecismo do
labrego de Valentín Lamas Carvajal ou A fada dos montes de Eduardo Pondal.
La mujer del porvenir, La mujer de su casa e El visitador
del preso son parte do legado da intelectual ferrolá Concepción Arenal, de quen
este ano se celebra o bicentenario do seu nacemento, dispoñible tamén en copia
dixital a través do micrositio da RAG na Biblioteca de Galicia. Tampouco faltan
obras de Emilia Pardo Bazán, cos seus Cuentos de Marineda, e algún exemplo da
pluma de Sofía Casanova como El doctor Wolski.
O novo micrositio da RAG tamén facilita o acceso dixital a
máis dun cento de publicacións periódicas históricas de fondo galego
conservadas na hemeroteca da Academia, entre as que figuran O Tío Marcos d'a
Portela e revistas editadas pola comunidade galega en América.
FONTE, ACADEMIA.GAL
No hay comentarios:
Publicar un comentario