O
Día das Letras Galegas de 2020 dedicado a Ricardo Carballo
[Carvalho] Calero
A
Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas de 2020 a
Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela,
1990), que dende o ano 1981 asinou as súas obras e escritos como
Carvalho Calero.
O
Pleno da institución acordou na sesión ordinaria celebrada hoxe
homenaxealo o 17 de maio do ano que vén, cadrando cos 110 anos do
seu nacemento e os 30 anos do seu pasamento. O profesor ferrolán,
unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade
do século XX, desenvolveu unha traxectoria vital fondamente
vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na
mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da
revista Nós,
participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no
exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de
recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega,
destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e
na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro
catedrático de Lingua e Literatura Galegas.
Ricardo
Carballo Calero medrou en Ferrol, rematou o bacharelato na Coruña e
en 1926 marchou estudar Dereito e Filosofía a Santiago de
Compostela, onde mantivo unha intensa actividade intelectual e
política: entrou axiña en contacto co galeguismo artellado arredor
do Seminario de Estudos Galegos —do que chegou a ser secretario
xeral— e cultivou un estreita relación con Vicente Risco,
Castelao, Ramón Otero Pedrayo e outros mestres da Xeración Nós.
Nesta etapa redactou un manifesto sobre a galeguización da
universidade (subscrito, entre outros, por Álvaro Cunqueiro ou
Francisco Fernández del Riego) e participou na fundación do Partido
Galeguista e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía para
Galicia. Dos anos de mocidade son ademais as súas primeira obras
literarias, os poemarios Vieiros (1931),
o seu primeiro libro en galego, e O
silenzo axionllado (1934).
A
guerra civil estopou cando preparaba en Madrid as oposicións á
cátedra de bacharelato, despois de acadar unha praza de funcionario
no seu concello natal. Loitou no bando republicano, como miliciano
primeiro e logo como tenente, e en 1939 foi detido e condenado a
prisión. Dous anos despois foi posto en liberdade, pero
prohibíuselle ocupar cargos públicos. Empezaría daquela unha etapa
dedicada ao ensino privado que o levaría en 1950 a fixar a súa
residencia en Lugo para dirixir o Colexio Fingoi, mentres restablecía
relacións co galeguismo que non se exiliara. Ese mesmo ano fundábase
a Editorial Galaxia, un proxecto co que colaborou activamente.
Participou na primeira xeira da Colección Grial e foi membro do
consello de redacción e constante colaborador da revista Grial desde
a súa saída en 1963 ata 1989, pouco antes do seu pasamento.
No
ámbito académico, en 1954 doutorouse en Madrid coa
tese Aportaciones
a la literatura gallega contemporánea.
En 1958 ingresou como membro de número da Real Academia Galega, co
discurso titulado Contribución
ao estudo das fontes literarias de Rosalía,
e máis adiante sería o redactor, xunto a Ramón Piñeiro, das
primeiras normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas por esta
institución (1970-71). En 1965 incorporouse como profesor interino á
Universidade de Santiago de Compostela, da que foi o primeiro docente
das materias de Lingua e Literatura Galegas, que se acababan de
introducir como optativas nos programas universitarios; e en 1972
converteuse no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas,
posto do que se xubilou no ano 1980. Durante as últimas décadas da
súa vida mantivo unha intensa actividade como articulista e
colaborador en prensa, residindo de xeito permanente en Santiago de
Compostela, onde faleceu en 1990. O seu labor foi recoñecido nestes
anos dentro e fóra de Galicia. En 1981 foi nomeado membro da
Academia das Ciencias de Lisboa e en 1984 recibiu a Medalla Castelao.
Da
creación ao estudo da literatura
A obra de creación literaria de Carballo Calero transita os diversos xéneros canónicos e suma uns vinte libros. Como narrador publicou A xente da Barreira (1951) —premio Bibliófilos Gallegos e primeira novela en galego da posguerra, cunha historia centrada nunha saga fidalga do rural—, Scórpio (1987) —na que retrata a xeración dos vencidos na guerra civil e considerada en certos aspectos autobiográfica— e relatos curtos. Tamén cultivou a poesía, con títulos como Vieiros (1931), O silenzo axionllado (1934), Anxo de terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952), Salterio de Fingoy (1961), o volume antolóxico Pretérito imperfeito (1980), Cantigas de amigo e outros poemas(1986) ou Reticências (1990). Igualmente, fixo achegas á literatura galega como dramaturgo: Catro pezas: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro (1971), Teatro completo (1982).
A obra de creación literaria de Carballo Calero transita os diversos xéneros canónicos e suma uns vinte libros. Como narrador publicou A xente da Barreira (1951) —premio Bibliófilos Gallegos e primeira novela en galego da posguerra, cunha historia centrada nunha saga fidalga do rural—, Scórpio (1987) —na que retrata a xeración dos vencidos na guerra civil e considerada en certos aspectos autobiográfica— e relatos curtos. Tamén cultivou a poesía, con títulos como Vieiros (1931), O silenzo axionllado (1934), Anxo de terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952), Salterio de Fingoy (1961), o volume antolóxico Pretérito imperfeito (1980), Cantigas de amigo e outros poemas(1986) ou Reticências (1990). Igualmente, fixo achegas á literatura galega como dramaturgo: Catro pezas: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro (1971), Teatro completo (1982).
Na
súa extensa produción destacan os seus estudos sobre a literatura,
que con frecuencia atravesan as fronteiras entre os xéneros
didáctico e ensaístico. Entre as súas importantísimas
contribucións á historiografía literaria sobresae a
erudita Historia
da literatura contemporánea galega (1963),
o esforzo de sistematización da nosa literatura máis ambicioso e
significativo da segunda metade do século XX. Nos estudos que
publicou na década de 1970 sobre diversos autores salientan os que
lle dedicou a Rosalía de Castro, coa edición da súa poesía e
análises da lingua e da obra literaria da poeta (Estudios
rosalianos,
1979). Unha parte deses traballos están recollidos en colectáneas
como Libros
e autores galegos (2
vols., 1979 e 1982), Estudos
e ensaios sobre literatura galega (1989)
e Escritos
sobre Castelao (1989).
Foi tamén moi relevante a súa actividade como conferenciante e
articulista, incluso nas páxinas da prensa diaria, arredor de
asuntos de índole filolóxica ou cultural. Recolleitas de traballos
deste tipo atópanse nos volumes misceláneos Umha
voz na Galiza. Artigos de Jornal (1933-1989)(1992)
e Ricardo
Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación (2010).
Carballo
Calero é ademais autor da Gramática
elemental del gallego común (Galaxia,
1966), manual de referencia para as primeiras xeracións de
estudantes de lingua galega e que atinxiu unha gran difusión, ata
chegar ás sete edicións. A de 1979, a derradeira, ten cambios
importantes na ortografía e en escollas léxicas e, sobre todo,
morfolóxicas a raíz do cambio na concepción de Carballo sobre o
que debería ser o galego culto, xa que desde mediados da década dos
70 pasou a defender a adopción dunha ortografía próxima á
portuguesa para o galego e a aceptación do portugués como
referencia fundamental do galego estándar. A partir desas datas
empeza a asinar como Ricardo Carvalho Calero. Os seus traballos
lingüísticos e a exposición e propostas de orientación
reintegracionista foron recollidos en volumes como Problemas
da Língua Galega (Lisboa,
1981), Da
fala e da escrita (1983)
e Do
galego e da Galiza (1990).
FONTE
R.A.G
No hay comentarios:
Publicar un comentario