Letras galegas 2019
Antonio Fraguas
Eu traballei
sempre por e para Galicia. Unhas veces acertei, outras non; pero en todo canto
levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar
nunca nada a cambio. A miña modesta obra non é máis que un pequeniño gran de
area no montón que foron facendo todos aqueles que, de moi distintas maneiras e
cadaquén ó seu xeito, traballaron ó longo dos anos, traballan agora e seguirán
traballando arreo no futuro, sempre desinteresadamente, non máis que polo ben
de Galicia. Por amor á nosa Terra.
(Antonio Fraguas Fraguas)
María Teresa Fraguas Vázquez nace en
Listanco, unha das aldeas da parroquia de Armeses (Maside – Ourense), no ano
1873, filla dun canteiro ambulante que fora traballar alí, Miguel Fraguas
García, e de María Carmen Vázquez. Aos sete anos deixa a casa paterna e vai
vivir a Loureiro de Cotobade, de onde era o pai, a coidar e a herdar uns tíos
que non tiñan descendencia. Namórase de Manuel Fraguas Rodríguez, veciño e
tamén canteiro, e cando estaban a piques de contraer matrimonio, chegoulle a el
a pasaxe para embarcar a Brasil. Pouco despois, o 28 de decembro de 1905, María
Teresa dá a luz un meniño que, como fillo natural, leva só os seus apelidos:
Antonio Fraguas Vázquez.
O neno criouse en Loureiro igual que os demais:
comendo basicamente broa e caldo, enredando nos camiños, agachándose entre o
millo, pasando o tempo do mesmo xeito que conta en 1944 no artigo sobre os
xogos en Loureiro de Cotobade… A única diferenza era que de cando en vez nai e
fillo ían visitar a familia de Armeses, onde botaban varios días, do que sempre
se lembrou con saudade, falando dos avós (faleceron en 1909 e 1913), dos tíos e
dos curmáns, do tempo que o carromato tardaba en chegar e das paradas que facía
no camiño… En 1931, como proba do cariño que sentía por esta terra, dedicoulle
un dos primeiros artigos, "Do folk-lore de Armeses – Listanco" (Nós,
núm. 96), e ao ano seguinte tomou parte nun mitin do Partido Galeguista en
Maside, con Otero Pedrayo, Castelao, Víctor Casas e Leuter González.
O proxenitor regresa de América e o mesmo día que casa
coa nai tamén o recoñece por fillo, o 7 de agosto de 1912, e en adiante
apelidarase Fraguas Fraguas. Aprende as primeiras letras na casa, logo vai á escola
pública, durante algún tempo á particular que imparte o párroco, e de novo á
publica, ata que o pai decide volver para Brasil, agora con toda a familia.
Pero o fado quixo que, como aínda faltaban varios meses para embarcar,
acordasen mandalo durante este tempo ás clases particulares dun mestre na aldea
de Famelga, na lindeira parroquia de Augasantas. O escolante, que coñecía a
valía do neno para estudar, cando quedaban poucos días para rematar, falou co
pai para dicirlle que era unha mágoa que antes de marchar non lle desen
"unha carreiriña". El non estaba moi de acordo, pero triunfou o que
dixo a nai, e días despois, o 14 de abril de 1919, Antonio solicita facer o
ingreso no Instituto de Pontevedra.
No mesmo centro estuda todo o bacharelato, ata segundo
curso por libre e en adiante como alumno oficial, que remata en 1924. Estes
anos son decisivos na súa vida: entre outros, ten como profesores a Castelao,
Losada Diéguez e Sobrino Buhigas, e como amigos a Sebastián González García-Paz
e a Luis Brey Bouza; funda con varios compañeiros a Sociedade da Lingua para
defender o galego e ao tempo elaborar un dicionario, xa que os tres existentes
daquela, o de Rodríguez (1865), Cuveiro (1876) e Valladares (1884), eran de moi
difícil acceso e, quizais, tamén ten contacto por primeira vez coas Irmandades
da Fala.
Deixa Pontevedra e seguindo o consello do mestre
matricúlase na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade compostelá, na
que sobresae como alumno brillante: nos catro cursos as notas máis baixas foron
dous notables e dous sobresalientes, sendo as oito restantes sobresalientes con
matrícula de honra.
Durante este tempo empeza a relacionarse con algúns
membros do Seminario de Estudos Galegos, ao que pertencían varios profesores
que tivera no Instituto de Pontevedra. O 15 de outubro de 1927 é proposto para
socio e ingresa ao ano seguinte co estudo "O castro de Nos anos de estudante universitario,
Antón Fraguas entra en contacto con membros do Seminario de Estudos Galegos, no
que ingresa en 1927 cun estudo sobre o castro de Soutolongo (Lalín). Nesta
época participa en traballos de campo para estudar comarcas como a da Terra de
Melide, onde catalogou os xacementos castrexos
Soutolongo (Lalín)". En 1929 sae no periódico A Nosa Terra a
súa primeira colaboración xornalística de que temos novas, "Unha serán na
catedral", e un ano despois, con López Cuevillas e Purificación Lorenzana,
publica en Arquivos o primeiro traballo relacionado coa arqueoloxía,
"Mámoas do Sabiñao". Así mesmo, participa en varias xeiras ou traballos
de campo para estudar algunhas comarcas, das que a máis coñecida agora é a da
Terra de Melide, polo libro de igual título que sae en 1933 e na que el foi o
encargado de catalogar os xacementos castrexos. Tamén tomou parte na da Terra
de Deza, facendo o mesmo labor que na anterior por consello de López Cuevillas,
pero os resultados desta última non se coñecen por ter destruído o orixinal do
libro a barbarie fascista cando estaba a piques de entrar no prelo. Forma parte
do equipo directivo do Seminario de Estudos Galegos, primeiro como secretario
de actas e logo como bibliotecario.
Antonio Fraguas adoitaba dicir que estes foran os anos
máis felices e ateigados de ilusión da súa vida, nos que, ademais do labor
cotián de investigación, traba amizade con amigos e compañeiros de tarefas que
serían para sempre: Castelao, Otero Pedrayo, Cuevillas, Filgueira Valverde,
Risco, Bouza-Brey, Xaquín e Xurxo Lorenzo… Durante este tempo tamén cumpre o
servizo militar en Compostela e imparte clases como profesor auxiliar na
Facultade de Filosofía e Letras.
Como queda dito, talvez xa mantivera algunha relación
coas Irmandades da Fala cando estudaba en Pontevedra, pero vai ser en Santiago
cando se afilie ás mesmas, en 1922 ou o ano seguinte, tendo como compañeiros,
entre outros, a Asorey, A. Brage, Eiroa, Bonome, Díaz Baliño, Parga Pondal, San
Luís Romero, Paz Andrade, Ferro Couselo, Lugrís, Rof Carballo, Bouza-Brey,
Filgueira Valverde, Martínez López, o crego Paulino Pedret etc. É un dos
asinantes do Manifesto de Ezquerda Galeguista o 14 de xuño de 1931,
xunto con Ánxel Casal, Carballo Calero, González García-Paz, A. das Casas,
Primitivo R. Sanjurjo, Lois Tobío…, que se integra no Partido Galeguista.
Participa en varios mitins, case seguro que inflúe na constitución do grupo
deste partido no seu concello natal, e durante a estadía de profesor no
Instituto da Estrada desempeña o cargo de secretario xeral do mesmo, polo que
toma parte activa na campaña do referendo do Estatuto de Autonomía. Poucos días
antes da sublevación militar, o 12 de xullo, saía á rúa o primeiro e único
número do periódico La Voz de Cotobad. Órgano defensor de los intereses del
municipio, su comarca y limítrofes, baixo a súa dirección, malia que non
conste.
Durante a súa estada na Estrada, ademais do seu labor
docente e político, organiza excursións cos alumnos, cataloga os castros e
mámoas, dirixe pequenas prospeccións arqueolóxicas e monta un museo no
instituto para expoñer os achados e outros obxectos de interese histórico e
etnográfico coa idea de que algún día se convertese no Museo da Terra de
TabeirósO 11 de novembro de 1933 deixa Compostela e
incorpórase ao claustro do Instituto da Estrada, do que foi secretario. A
estada nesta vila foi curta pero fértil, oficialmente ata o 20 de maio de 1937,
data en que a Comisión de Depuración de Enseñanza de Pontevedra ordena a
súa separación definitiva do ensino público. Ademais do labor docente e, como
queda visto, tamén político, organiza excursións cos alumnos pola contorna,
cataloga os castros e as mámoas, dirixe pequenas prospeccións arqueolóxicas e
monta un museo no centro para expoñer os achados e outros obxectos de interese
histórico e etnográfico, coa idea de que algún día se convertese no futuro
Museo da Terra de Tabeirós, instalado na torre de Guimarei. O soño rematou en
1936, en que é humillado publicamente polos falanxistas e destruído o museo.
Refúxiase entón na súa parroquia de Loureiro, de día nos montes e de noite,
cando a nai prendía un farol nunha das fiestras, volvía para a casa, porque nin
aquí estaba seguro, xa que foron por el varias veces os matóns da Guardia
Cívica de Pontevedra. Unha das veces escribiron nunha das paredes
interiores da casa en números ben grandes "1936", para que sempre se
lembrase deles, do que dá fe quen isto escribe, que aínda tivo a oportunidade
de velo antes de repicar a pedra.
Anos de medo, tristura e ostracismo: o Seminario de
Estudos Galegos arrasado polos franquistas e os fondos desbaratados; o que
quedaba da biblioteca pasa á Universidade en 1941; o Instituto da Estrada
pechado; moitos amigos mortos (Díaz Baliño, Ánxel Casal…) e outros fuxidos
(Castelao, Sebastián González García-Paz…). En Compostela imparte clases na
academia Menéndez y Pelayo, da que consta como director un crego, e tamén
algunhas como profesor encargado na Universidade, mentres aproveita o resto do
tempo para redactar a tese de doutoramento, que defende na Universidade de
Madrid o 16 de xuño de 1948.
A Real Academia Galega acorda nomealo membro
correspondente na sesión do 13 de decembro de 1942, e de número na do 19 de
abril de 1951, para ocupar a cadeira do seu benquerido profesor, e logo
compañeiro, Castelao. O discurso de ingreso, Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade, leuno o 8 de maio de 1956 e Ramón Otero Pedrayo respondeulle en nome da
institución.
Co gallo de diminuír o baldeiro cultural que deixara a
desaparición do Seminario de Estudos Galegos, en 1944 xorde o Instituto Padre
Sarmiento de Estudios Gallegos, adscrito ao CSIC, no que se encarga de
catalogar o que quedaba da biblioteca. Ademais desempeña, posteriormente, os
cargos de xefe da sección de Etnografía e Folclore, secretario, comisario de
varias exposicións etc., á vez que colabora arreo na revista Cuadernos de
Estudios Galegos -na que entre 1946 e 1975 insire 13 artigos-, publica dous
libros (Historia del Colegio de Fonseca e Los colegiales de Fonseca),
participa noutros dous colectivos e colabora na maioría das exposicións que
organiza o centro.
Son poucos os eventos culturais relacionados coa nosa
cultura onde AntonioFraguas non estea presente, como na fundación do Padroado
Rosalía de Castro en 1947, do que formou parte da xunta de goberno e no que
tamén exerceu o cargo de tesoureiro.
Oposita de novo a cátedras de instituto, pero fracasa
varias veces polos antecedentes políticos, como lle di un dos membros do
xurado. Por fin aproba en 1950 e é destinado ao Instituto de Lugo, no que toma
posesión o 15 de maio. Como fixera na Estrada, ademais do labor cotián docente,
desempeñou varios cargos (vicesecretario, secretario, xefe de estudos),
participou na vida cultural da cidade (vogal do Museo Provincial, do de Arte
Sacra da diocese, presidente do grupo II da Asociación Española de Amigos de
los Castillos etc.) e colaborou en varias publicacións periódicas, datando o
primeiro artigo do mesmo ano en que se incorpora ao claustro lucense:
"Pastor Díaz en el colegio de Fonseca" (Boletín de la Comisión
Provincial de Monumentos de Lugo). Sobre a cidade e a provincia aínda dará
a coñecer máis traballos, tanto na devandita revista como noutras: apuntamentos
sobre o ensino primario no val de Quiroga, o catedrático Gumersindo Laverde y
Ruíz, a farsa de Casa de Naia (Antas de Ulla) etc., e cando xa levaba residindo
en Compostela 15 anos, en 1974 sae do prelo na colección de Bibliófilos Galegos
o libro Lugo, unha sucinta historia da poboación dende a antigüidade ata
os nosos días. Tal foi a pegada que deixou, que en 1989 varios exalumnos, ademais
de renderlle unha homenaxe, acadaron que o concello lle dese o seu nome a unha
rúa.
En 1959 torna a Compostela como profesor do Instituto
Rosalía de Castro, do que será xefe de estudos e vicesecretario, ao tempo que
imparte algunhas clases na Facultade de Filosofía e Letras, ata que remata o
seu labor docente coa xubilación, o 28 de decembro de 1975.
Os anos á fronte do Museo do Pobo Galego
Pero xusto o ano seguinte comeza unha nova etapa da súa vida ateigada de
satisfaccións ao ver como se materializa parte do programa do desaparecido
Seminario de Estudos Galegos, polo que tanto traballara na xuventude e no que
tivera como amigos e compañeiros a persoas tan insignes como Castelao, Losada
Diéguez, Otero Pedrayo ou Xaquín Lorenzo. O 24 de xaneiro de 1976 asiste á
primeira xuntanza para a creación dun museo galego de antropoloxía, que se
denominará Museo do Pobo Galego. Participa en todos os actos como director
deste, dende a inauguración das primeiras salas o 29 de outubro do ano
seguinte, ata o pasamento do benquerido "irmán" Xocas, o 18 de
xullo de 1989, en que é nomeado presidente do padroado.
Non diminúe por iso a súa angueira como investigador,
escritor e ameno conferenciante; pola contra, vai ser unha das épocas máis
frutíferas consonte co número de publicacións, entre elas varios libros: o
dedicado ao patriarca Manuel Murguía (1979), ao traxe tradicional (1985), ao
cancioneiro da súa terra de Cotobade (1985), á vida e á obra do seu compañeiro
da Real Academia Galega Aquilino Iglesia Alvariño (1986), á Real Sociedade
Económica de Amigos do País (1986), ás romarías e aos santuarios (1988), a
Celso Emilio Ferreiro (1989), ás tradicións galegas (1990) etc.
O 8 de xullo de 1983 créase o Consello da Cultura
Galega, do que é nomeado membro a título individual e no que participa
activamente, sobre todo, como coordinador da sección de Antropoloxía Cultural,
unha das máis dinámicas daqueles anos, datando da súa época varias publicacións
e congresos.
Antonio Fraguas é unha das persoas máis queridas e
respectadas de Compostela, pola súa bonhomía, sabedoría e amabilidade. Todos
saben do seu traballo, dende mozo, desinteresado, silandeiro e constante a prol
da nosa cultura, sen nunca agardar nada a cambio. Por iso cada vez son máis as
sociedades culturais e institucións que fan público o recoñecemento dos seus
méritos, con premios e nomeamentos: Pedrón de Ouro, premio Trasalba, medalla
Castelao, premio de Investigación da Xunta de Galicia, Cronista Xeral de
Galicia, premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia; Lugo, Melide e
Santiago de Compostela danlle o seu nome a unha rúa etc. No mes de outubro de
1995, a sección de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega organiza
na súa honra o Simposio Internacional Medicina popular. Antropoloxía da Saúde,
coordinado por Xosé Manuel González Reboredo.
Decide doar a súa biblioteca ao Museo do Pobo Galego
para que calquera persoa poida consultar os seus libros e, principalmente,
aqueles que non teñen ningún nas súas casas, coma na del cando era neno. Asina
a cesión o 17 de decembro de 1994, ao tempo que escribe no libro de ouro do
Museo: No día que deixamos o noso "tesouro", a sinxela biblioteca
co pensamento na nosa terra e na nosa cultura. Deste xeito, os miles de
libros que foi adquirindo dende mozo –moitas veces privándose doutras cousas–,
están agora a disposición de todos cantos se interesen pola nosa cultura.
O 29 de marzo de 1996 falece dona Teresa, coa que
casara en 1932. Malia a tristura da soidade (non tiveron descendencia), non por
iso deixou de traballar e de asistir a todos os actos, mentres tivo folgos para
facelo, organizados polo Museo do Pobo Galego ou por outras institucións, ata o
5 de novembro de 1999 en que fina en Santiago de Compostela, cando estaba a
piques de cumprir os 94 anos.
Antonio Fraguas Fraguas descansa o sono eterno á
entrada do cemiterio compostelán de Boisaca, entre Aurelio Aguirre (un dos
protagonistas do Banquete democrático de Conxo) e Ramón María del Valle-Inclán,
e dende o 5 de xaneiro de 2012 tamén a carón do seu amigo Isaac Díaz
Pardo.
Recoñecementos
1928
Membro numerario do Seminario de Estudos Galegos.
1942
Académico correspondente da Real Academia Galega.
1944
Bibliotecario do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos.
1946
Socio correspondente da Asociação dos Arqueólogos Portugueses.
Socio correspondente da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia.
1947
Membro fundador do Padroado Rosalía de Castro (dende 1995, Fundación Rosalía de
Castro).
1951
Académico de número da Real Academia Galega. Leu o discurso de ingreso o 8 de
maio de 1956.
1952
Socio correspondente do Instituto António Cabreira (anexo da Academia de
Ciéncias de Portugal).
Vogal da Comisión diocesana de Arte Sacra da diocese de Lugo.
1954
Irmán maior da Arquiconfraría do Apóstolo Santiago, de Santiago de Compostela,
da que tamén foi vicepresidente primeiro.
1955
Xefe da sección de Historia Moderna e Contemporánea do Centro de Estudios
Jacobeos, de Santiago.
1960
Vogal da sección de Etnoloxía do Museo Municipal de Santiago de Compostela.
1969
Socio da Sociedade de Língua Portuguesa, Lisboa.
1973
Director do Museo Municipal de Santiago.
Pontevedrés do ano, polos seus méritos como intelectual e divulgador da nosa
cultura e, en especial, da da súa terra de Cotobade.
Membro fundador da Academia Galega de Ciencias, da que foi bibliotecario.
1975
Socio correspondente na provincia da Coruña da Real Academia de la Historia.
1976
Director do Museo do Pobo Galego.
1978
Membro vitalicio do novo Seminario de Estudos Galegos.
1983
Membro a título individual do Consello da Cultura Galega.
Vicepresidente do novo Seminario de Estudos Galegos.
1984
Medalla Castelao da Xunta de Galicia.
Fillo Adoptivo de Santiago de Compostela.
Pedrón de Ouro da Fundación Pedrón de Ouro.
Medalla de prata ao mérito cultural do Concello de Santiago.
Fillo Predilecto do Concello de Cotobade.
Insignia de ouro do Museo do Pobo Galego.
1985
Premio Trasalba da Fundación Ramón Otero Pedrayo.
1987
Homenaxe polo 40 aniversario do Padroado Rosalía de Castro, do que era membro
fundador.
1998
Medalla de ouro ao mérito cidadán e cultural do Concello de Santiago.
Premio de Investigación da Xunta de Galicia.
1989
A cidade de Lugo dálle o seu nome a unha rúa.
Presidente do padroado do Museo do Pobo Galego.
1990
Vicepresidente da sección de Matemáticas, Física e Física do Cosmos da Academia
Galega de Ciencias.
Melide ponlle o seu nome a unha rúa.
1992
Cronista Xeral de Galicia.
Premio Ramón Otero Pedrayo das catro deputacións provinciais.
1993
Insignia de ouro da Sociedade de Fillos e Amigos da Estrada.
Los 90 de oro do Consejo Español de Mayores e a Fundación Mapfre.
1994
Medalla de ouro e brillantes da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas.
O Concello de Santiago dálle o seu nome ao Instituto das Fontiñas.
Homenaxe do Concello de Cotobade.
Homenaxe do Museo do Pobo Galego, o 17 de decembro, día en que asina a doazón
da biblioteca.
1995
Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia.
Medalla de ouro da Asociación do Traxe Galego de Santiago de Compostela.
Insignia de ouro da Universidade de Santiago.
Santiago de Compostela ponlle o seu nome a unha rúa da cidade.
1997
Presidente en funcións da Real Academia Galega.
1998
Patriarca da Galeguidade da Enxebre Orde da Vieira.
Galego do Ano dos xornais El Correo Gallego e O Correo Galego.
A Deputación Provincial da Coruña crea o Certame de Artesanía Antonio Fraguas
Fraguas.
Tamén foi membro da comisión asesora do padroado do
Museo de Pontevedra en Arqueoloxía e Antropoloxía Cultural; membro e
bibliotecario da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago;
coordinador da sección de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega;
membro do consello asesor do padroado do Museo da Casa da Troya; do consello
reitor da Fundación Otero Pedrayo; da Fundación Castelao; da Fundación
Alexandre Bóveda…
Clodio González
Pérez
(FONTE TEXTO R.A.G)